
Comeza a conta atrás para que o público poida gozar de “Valentina”, a primeira película dirixida pola recoñecida produtora ferrolá Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións. Dan man de Super 8 Distribución, a cinta chegará a un elevado número de salas de cine de toda España o vindeiro 10 de decembro, data fixada para a estrea.
A gran pantalla amosará ese día a Valentina, unha nena que soña con ser trapecista pero que pensa que nunca o conseguirá por ter síndrome de Down. A súa avoa, compañeira de xogos e aprendizaxe e peza fundamental na historia, ensinaralle que nunca hai que perder a ilusión nin as ganas de aprender. Grazas a ela, a pequena irá descubrindo todo aquelo do que é capaz nunha viaxe máxica dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro e coescrita con Lúa Testa, a súa filla.
Colaboracións
Xunto a elas, outros recoñecidos ferroláns como Andrés Suárez, María Manuela, Helga Méndez e Coke Couto, poñen a súa voz a algúns dos personaxes e dos temas que sonarán neste filme musical de animación que é “Valentina”.
O proxecto contou tamén coa colaboración de Emilio Aragón, creador da canción “Eres especial” que forma parte da banda sonora; de Nani García, compositor da música; así como de recoñecidas voces da lírica galega, como Uxía e Pilocha e da pequena Alicia Rábade.
Dúas nenas con síndrome de Down, Lucía Seren (na versión en galego) e Josephine Lockhart (en castelán), interpretan a voz da protagonista. O deseño de personaxes e escenarios –estos últimos inspirados na xeografía galega e concretamente en diferentes enclaves do Camiño de Santiago, incluída a cidade naval, Pontevedra e Ourense– correu a cargo de David Pintor.
O filme, ópera prima como directora da recoñecida e premiada produtora ferrolá, naceu coa vontade de visibilizar a realidade dun colectivo que desexa ser artífice da súa propia mensaxe no camiño cara a plena cidadanía.
O proxecto levaba moitos anos na mente de Loureiro, no seu obxectivo de traballar o tema da inclusión con asboluta normalidade. Coa mesma normalidade coa que ela viviu de preto o tema da discapacidade, a través dunha irmá con polio. En “Valentina”, a directora ferrolá fala de inclusión, de diversidade, de crecemento, de non perder nunca a ilusión e do amor incondicional ás avoas.
Todo isto aderezado con fermosas imaxes e divertidas e alegres cancións que o vindeiro 10 de decembro sonarán desde a gran pantalla do cinema no debut como directora de Loureiro.
“Valentina” é unha coprodución de Abano Producións, Antaruxa, El Gatoverde Producciones, Sparkle Animation e Valentina la Película, A.I.E. que conta coa participación de RTVE y RTVG, coa financiación do Goberno de España ICAA e que tamén foi subvencionada por AGADIC-Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio de Crea SGR, AFIGAL e as Deputacións de Pontevedra, Ourense e do Concello de Santiago.