O encontro tivo lugar en Mugardos a fin de semana no peirao e concitou a unha serie de grupos que perante dous días amosaron o seu quefacer artístico con moitos miles de watios polo medio. Isto da potencialidade sonora ten moito que ver con este tipo de música e mesmo tamén con calquera outra que se mostre sobre un escenario hoxe en día. Digo isto porque non fixo falta estar presente no recinto pois a música escoitábase en toda a vila co conseguinte enfado dalgúns veciños que viron alterado o seu tempo de sono ata ben entrada a madrugada. Un veciño meu, as dúas e media, colleu a cana de pescar e foise ao peirao. Creo que non pescou nada, agás o cabreo de non poder durmir. Quizais os peixes mergullados no rock, non estaban pola labor de picaren esa noite no anzol da cana do meu veciño desvelado. Eu non estiven no recinto porque non é este o tipo de musica que me motive especialmente malia que gozo tamén do rock forte segundo de onde veña. Non estou posto nas novas tendencias e a miñas referencias non van máis aló de AC/DC, Black Sabbath, Iron Maiden, Aerosmith, Van Halen e poucos máis. Hai pouco estiven no concerto que dou na Coruña Bonnie Tayler (nada que ver co rock duro) e saín da praza de María Pita case xordo polo volume do son tardando case dúas horas en recuperar a miña capacidade auditiva, xa algo minguada motu proprio. Mítica interprete e músicos excelentes, pero excesivo volume. Éche o que hai e así hai que tomalo.
Todo isto faime pensar se unha mostra así, coma a que tivo lugar no peirao de Mugardos, está colocada no lugar axeitado. Sei que é difícil manter o equilibrio respecto a ter a todos contentos, pois o que para uns supón un balbordo tremendo, para outros é un xeito de aséptico divertimento. De facer esta mostra onde se fixo é lóxico que haxa unha cesión por ambas as dúas partes; por un lado a resignada aceptación por parte da veciñanza dun concerto incardinado dentro do núcleo urbano e, pola outra, unha rebaixa nos decibelios(dB) empregados na difusión do son (a lei é taxativa nisto). De non ser isto factíbel habería que pensar noutra localización, fora do espazo urbano da vila.
Non sei canta xente asistiu ao evento, pero si podo asegurar, sempre hai pequenas excepcións, o exemplar comportamento de todos os seareiros do rock duro que asistiron aos concertos perante ese fin de semana. Eu persoalmente prefiro apostar por un evento así, con xente exemplo de comportamento cívico, e non por outros onde algúns e algunhas se empeñan ano tras ano en deixaren a vila patas arriba. Os mugardeses que me lean saben de que estou a falar.