Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Estaba sentada nunha parede baixiña, diante da porta da casa, no mesmo barrio que vivía súa tía, na mesma rúa onde vivira súa nai, seu pai e onde viven agora moitos recordos, lembranzas da nenez, da mocidade, das historias que leu e das que lle contaron. Estaba, igual que o ano pasado, coa súa cara triste, a cabeza gacha e o corpo vestido cunha saia cinguida, máis ou menos longa; camisa e chaqueta negras. Non se movía e non descasaba, a súa procesión ía por dentro, por onde andan as interioridades inconfesables.

Aquela parede coa pedra morna escoitaba o falar silencioso da moza. A pedra e ela calaban, non sabían para onde ía tanta xente, con tanto apuro, con tanta présa e tanto barullo, barullando. Entraban ou saían  dos bares ou das igrexas, cantaban ao son da música fermosa e falaban uns cos outros, recorrendo a cidade paso a paso e seguindo, cando toca, a ese paso ou grupo escultórico que representa a “algún dos sucesos da Paixón de Cristo”.

A Semana Santa é relixiosa, cultural e turística. Ten as raíces enterradas na terra e na alma de moita xente, é como un aglaio e alarde de espiritualidade, de arte e de negocio, onde o simbolismo e a identidade popular xogan un papel de importancia grande para a súa singularidade.

Turismo de Galicia aproveita a ocasión para dar pulo a estes festexos e destaca o feito de que a Semana Santa de Viveiro e a Semana Santa de Ferrol acadaron, cada unha delas, a distinción de  Festa de Interese Turístico Internacional. Aí está o mundo valorando unhas tradicións que a veciñanza aprecia e coida, cada ano e cada día.

Pero non esqueza, vostede, lector ou lectora deste xornal, que Galicia conta con outras destas Festas de Interese Turístico: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo. E moitos outros lugares programan e fan procesións que recorren orgullosas as prazas, as esquinas e as rúas cara ás súas igrexas.

A moza vestida de negro sente como “camiñan ao meu rente moitos homes / Non os coñezo. Sonme estranos”. “Coma un irmau che falo”, di a Tía Manuela, e “aínda que sexa neste tempo, con choiva ou sen ela, con algarada ou calada, a ruada é a nosa e a vosa ruada”.