Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Ao longo da historia, as sociedades transformaron as relacións sociais mediante revolucións ou mediante un uso ponderado da política, as ideoloxías e da aprobación de leis que foron piares dos cambios das mentalidades e das sociedades.  Ás veces non somos conscientes do que significa ter nacido nun país ou nunha sociedade, como a deste mundo occidental ao que pertencemos. Xa non é tema de economía, de desenvolvemento, de infraestruturas ou de investigación.

É cuestión do longo camiño recorrido no recoñecemento de Dereitos e na Igualdade. Temos unha importante carta de  dereitos acadados, máis os de última xeración que naceron na presente lexislatura, que acabamos esquecendo que houbo que arrincalos, que costou moito logralos e que hai que seguir coidando e respectando, para non ver modificado ningún deles no futuro.  Asentados na comodidade das sociedades do benestar, asistimos  como con distancia e case cun papel de mero observador, a unha situación dramática. Hai excesivos países no mundo onde nacer muller é garantía de dificultade e sufrimento. Países onde a desigualdade é unha norma legal e relixiosa, e cada nova regulamentación que ve a luz, vai sempre en detrimento de esa metade da poboación que vive no silencio e na negación dos dereitos máis básicos.

Non podo evitar sentir fondos impactos, ante a agresividade das imaxes da negación absoluta da muller - sen rostro nin formas- de agochala, negarlle acceso á formación e de silenciala ata practicamente facela desaparecer.

É un tema de xustiza e de igualdade de oportunidades. Semellamos cansos. Repetimos ata a saciedade palabras que, a forza de tanto usalas como comodín ou recurso, acabamos por baleiralas do seu contido verdadeiro. Precisamos do compromiso e dos valores da Política, para seguir modificando oprobios, garantindo dereitos e implantado igualdade. É tempo de Política. Só a Política ten vocación de eternidade.

Sempre estás onde a emoción e a tenrura me convocan...