Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Un día de verán, aló polos anos corenta do pasado século, a veciñanza do antigo barrio do Inferniño, en Ferrol, espertou sobresaltada por uns fortes estoupidos. Era de madrugada, a xente aínda durmía, e o estrondo das explosións sacudiunos cun susto de morte. Os homes saíron á rúa tentando de se informar do que sucedía. As mulleres tiraron ós nenos das camas e saíron tamén, cos máis pequerrechos chorando fortemente collidos ó colo. Cos ollos aínda medio pechados, a xente preguntábase que pasaba. “Son os alemáns que nos atacan”, dicía unha vella entre saloucos.

Efectivamente, esa era a noticia que nos primeiros momentos correu de boca en boca. Os homes xuntáronse nun corro e pedíronlle consello ó máis vello, por aquilo da súa experiencia como veterano da guerra de África. Todos miraban ó ceo, pero aínda non había luz dabondo para poder ver os supostos avións, e tampouco se oían os ruídos dos motores, mentres as luces dos reflectores dos barcos da mariña, atracados dentro da ría, nos peiraos da zona do “Estado” percorrían  o ceo na busca do posible inimigo. De calquera xeito, os estoupidos non cesaban, e había que tomar unha decisión rápida. O veterano propuxo fuxir todos das casas, e refuxiarse na trincheira do ferrocarril, a uns trescentos metros do rueiro, ata que se recibisen noticias do que estaba a suceder. E aló foron todos correndo, cheos de medo e a medio vestir, acubillándose contra da parede de terra formada polo desmonte das vías do tren.

Segundo comezou a alborexar, os homes fóronse tranquilizando e atrevéronse a voltar ás casas para recoller mantas e algo de comida, pois ninguén sabía canto tempo habería que estar alí. Aquilo durou todo o día, ata que á tardiña, chegou a noticia de que non había ataque ningún, se non que fora o polvorín que as Forzas Armadas tiñan nun fermoso recuncho preto da ría, que estoupou sen que ninguén soubera por que; esta noticia, e o cese das explosións, animou a moitos a voltar ás casas, mais algúns quedáronse acampados na beira das vías, por temor ó estoupido “da parte máis grande do polvorín”, que segundo dicían, aínda non rebentara.   Afortunadamente, a cousa non pasou dun grande susto e da rotura de moitos cristais, das ventás da vila e doutras vilas próximas, pois comentouse que o estrondo chegara ata A Coruña.

Moitos anos despois circulou a noticia de que o incidente se debera a un atentado perpetrado por elementos contrarios ao Réxime, pero non se soubo quen e como puideron entrar naquela zona militar.