Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Opinión

Arxentina, co pé no acelerador

Para o vindeiro 24 de xaneiro a CGT, a maior central sindical da Arxentina, así como as dúas CTA, sindicatos máis críticos co sistema e combativos, veñen de convocar unha folga xeral contra as medidas de Milei. Hai quen dirá que levando tan pouco tempo Milei no Governo é unha medida precipitada, mais neste caso é de suma importancia ter en consideración que en tan pouco tempo o novo Governo tomou unha cantidade de medidas que implican un retroceso estratéxico dos dereito laborais, sociais e democráticos, e de iniciativas que benefician ao gran capital. En poucas palabras, os tempos históricos non sempre son iguais, a veces aceléranse, como agora, e noutros momentos relantizanse, mesmo estáncanse. Neste caso están acelerados pola táctica do novo Governo, cuxa finalidade é non dar tempo a que se organice unha resposta contundente e masiva polos sectores afectados, que son maioría social.

Agora ben, resulta evidente que Milei non mediu correctamente o resultado da súa vitoria electoral, e que non todas/as aqueles que lle deron o voto mercaban seu proxecto estratéxico, senón que canalizaban seu descontente cos incumprimentos do governo “peronista”, absténdose ou optando polo voto de castigo. Daquela que tivesen máis forza os slogans que os programas, e que se vise como unha traizón o DNU e intentalo aprobar á marxe do Parlamento, e con medidas de emerxencia, propias da lei marcial e dun Golpe de Governo. Ten unha gran importancia que a resposta inmediata contra a DNU fose do Polo Obreiro, forza da esquerda antisistémica, mais tamén do común da xente que se sentía agredida por medidas tan represivas, agresivas, e lesivas contra a clase traballadora e os sectores populares. As caceloradas tiveron moito de espontáneo, mais tamén son expresión dun sector social moi amplo que se sinte traizoado, antes polo peronismo dócil co capital, e agora por un Milei que prometía eliminar a “casta” e que termina dándolle todo o poder.

O que pase na Arxentina nos vindeiros meses terá unha importancia que transcende a rexión. Primeiro, porque deixará en evidencia se a estrema dereita válelle como alternativa ao gran capital, sen recorrer á ditadura. Segundo, porque pon a proba no futuro a construción dunha proposta de soberanía e xustiza social que sexa quen de avanzar en dereitos sociais e democráticos por medio dunha alianza do povo cos sectores do capital con intereses realmente ligados ao país. E iso implica unha proposta solidaria na produción nacional e no comercio exterior; ou sexa: marcar axeitadamente os límites da mundialización.