Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Neda

A Piruchela convoca o segundo roteiro en Neda e anima a colaborar nun mural con Leandro Lamas

Esta fin de semana péchase a programación do mes de xuño que organiza a asociación cultural, gastronómica e deportiva Piruchela, en Neda. O colectivo propón dúas actividades abertas a todo o público interesado: a primeira consistirá na elaboración dun mural participativo e a seguinte, un roteiro guiado por Júlio Saiáns.

O pintor Leandro Lamas será o encargado de guiar a proposta do sábado, a partir das 10.00 horas no propio local, na rúa Trovador Esquío. Os participantes deixarán a súa pegada artística e terán a posibilidade de levar comida para quedar até o xantar en comunidade.

No mes de maio, a entidade deuse a coñecer cun primeiro cartel de encontros para ese mes, que precisamente rematou cunha andaina ao Belelle dende o local. A boa experiencia animou a propoñer unha segunda edición, desta volta saíndo do cruceiro do Paraíso, o domingo ás 10.00.

Este percorrido amosará de novo o patrimonio local, ao mesmo tempo que constitúe unha xornada de convivencia, continuando polo muíño do Cubo, onde está previsto facer unha parada, e Pontegrande.

O seguinte punto será o muíño do Foxo, para despois achegarse a Santa María, onde se realizará un obradoiro de construción dun asubío, con destino á Piruchela arredor da 13.00.