Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Neda

Manuela Santalla dá outro paso na divulgación da historia de Ferrolterra esta tarde en Neda

A historiadora e profesora Manuela Santalla regresará esta tarde de venres ao concello ao que está ligada por nexo familiar para presentar o seu libro “Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración”. O encontro terá lugar na biblioteca municipal de Neda, a partir das 20.00 horas.

Con este traballo publicado no 2023 por Edicións A Laverca, enmarcándose na colección “A herdanza recobrada”, que se volverá a dar a coñecer hoxe, a autora continúa inmersa na súa tarefa de divulgación da historia da súa cidade e do resto da comarca.

Neste exemplar, Manuela Santalla achega ao lector a vida pasada dos muíños de Ferrolterra durante os séculos XVIII e XIX, atendendo especialmente aos “do rei”, un termo que se refire ás Reais fábricas do Ponto e de Xuvia, así como á historia dos seus promotores: os comerciantes franceses Lembeye e Lestache.

Despois de publicar outros volumes nos que a historiadora focaliza directamente na historia deste concello, como “O médico Cebreiro, don Paco da Mercé”, que asina con Rui Santalla, ou  “Muíños, fornos e pan de Neda”, que lanzou con Edicións Embora, a autora volve escoller un selo ferrolán para dar a luz esta última obra: A Laverca, que se dedica a temáticas relacionadas co coñecemento do patrimonio cultural, industrial e histórico.

Da mesma maneira, entre os traballos publicados por Manuela Santalla figuran títulos de marcado interese local como “Vida cotidiana y trabajo en el Ferrol de la Ilustración” e “Manuel de la Cruz, alias ‘Sopiñas’, ¿Capitán de bandoleros o comerciante ferrolano?”, neste último exemplo incluíndo tamén a coautoría de Juan Carlos Rico.