Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Vinte anos de Rádio Filispim, a emisora que “conspira” pola liberdade colectiva en Ferrolterra

Coa pretensión de “ser útil as persoas, colectivos, redes sociais e culturais da comarca sen espazo nos medios de comunicación convencionais ou que están sendo silenciados” naceu hai dúas décadas en Ferrol o Colectivo Opaíí! —siglas de “Ondas Para a Activación da Información Independente”— e a súa emisora Rádio Filispim.

Foi o 27 de agosto de 2005 a data desa primeira emisión desde o pequeno estudio que lles deixaron nun Ateneo Ferrolán presidido daquela por Eliseo Zaera, coñecido despois con retranca como o “do metro cadrado”. Logo viría o espazo na traseira do mercado de Caranza e, finalmente —cando menos polo de agora—, o do centro cívico de Canido. Nestes 20 anos mudaron as persoas, os nomes dos programas da grella e o mundo, pero o espírito e a esencia de seren altofalante dos e das silenciadas, segue intacto.

André C. Pastor, o “Pequeno Monstro” —é común, logo de tanto tempo, herdar o alcume do teu espazo radiofónico— é un dos que estivo desde os inicios e continúa no presente diante dos micrófonos. No seu caso, comezou na Radio Popular —agora Cope Ferrol— a mediados dos oitenta cunha sección “punkarra” chamada “Adictos al imperdible” no programa “Meridiano FM”, algo moi transgresor para a emisora dos curas, lembra. Pasou por Radio Fene e mergullouse de cheo na inesquecible Radio Kaos, xermolo da Filispim.

Ao principio, o “Kaos”

“Era unha radio da universidade que estaba na Politécnica de Serantes, feita pola delegación de alumnos, que era moi activa... Estaba José Luis Núñez de coordinador e era moi aberta... Alí estaban xa cos seus programas Pepe Cunha e Ana Lucecú, con ‘Chicas Católicas’ e ‘O Lucecú’”, rememora Pastor, viaxando no tempo ata a década dos noventa e comezos dos 2000, onde desenvolveu o “Divertimento para Pequenos Monstros” que nacera na emisora fenesa.

WhatsApp Image 2025 08 31 at 12.28.55

“Foi un precedente de Filispim porque esa radio pechouse a colaboracións externas e quedara así como un pouco sectaria, e xurdiu coma unha resposta da xente que gustabamos diso e quedaramos un pouco orfos”, analiza, lembrando que, paradoxalmente, a radio libre da comarca de Trasancos fraguouse nun foro de internet do Concello de Ferrol.

“Conspirando”

“Era o que tiñamos antes das redes, lancei a proposta e por alí estaba Cholo [Martínez Ces], que eu non o coñecía, e dixo que estupendo, así que comezamos a xuntar persoas e colectivos alá por setembro de 2003”, recorda, valorando que foi un proceso moi ilusionante e “rachador” para Ferrol. Tamén supuxo moita aprendizaxe para o colectivo, que tivo que buscarse a vida tanto para aprender das experiencias organizativas das radios libres como da lexislación do terceiro sector e, por suposto, da parte técnica que precisaban para a emisión.

Eliseo [Zaera] como presidente e Cristina [Meizoso] como secretaria portáronse marabillosamente e ofreceron o espazo para poder reunirnos e ‘conspirar’, porque ese foi o noso lema para levar a cabo todo isto”, recoñece André C. Pastor, ao tempo que sostén que “seica alí, nese pequeno estudio, foi o lugar onde mellor se nos sintonizou”.

WhatsApp Image 2025 08 31 at 12.28.54 (2)

Pero, máis aló de facer radio, a intención do colectivo pasaba polo compromiso coa xustiza social e coas causas ás que os medios tradicionais non lles daban voz. “Nós non temos nada que perder porque non temos subvencións. Temos autoxestión e, como moito, poderían silenciarnos definitivamente, pero tampouco pasaría nada; é dicir, ninguén quedaría na rúa porque todo é voluntariado. Entón, o noso deber é o que está escrito no ‘Quen somos’ da nosa páxina. Se perdemos iso, perderiamos a identidade substancial de Filispim. Á marxe de que cadaquén ten as súas valoracións, ten que haber puntos en común”.

Cambios

Do espírito “itinerante” que leva ao colectivo a “andar sempre un pouco de prestado, que é o único xeito de poder estar”, estes vinte anos deron para moitas lembranzas e, de xeito especial, destaca Pastor a “dous compañeiros desaparecidos no decorrer destas dúas décadas, Carlos Varela, que faleceu en 2017 e conducía o programa ‘Lazos’, e Miguel Anjo González, quen morreu o pasado 2024”, lembra con agarimo.

E cambiaron moitas cousas neste tempo? “As cousas mudan, a xente muda... Pasamos por situacións que nunca pensamos que ían ocorrer, como a pandemia... Pode soar esaxerado, pero é probable que a Filispim, agora, non a recoñeza nin a nai que a pariu... Cambiou moito e perdeu parte da súa esencia, pero o noso papel, o dos que seguimos resistindo, é que siga conservando o espírito, que non se perda esa perspectiva”, reflexiona, engadindo a importancia de seguir “chamando aos colectivos, de que a radio estea nesas causas que outros medios non poden estar por mil razóns. Por aí está o camiño e espero que siga estando”.

WhatsApp Image 2025 08 31 at 12.28.53 (2)

Con tres formatos propios que levan adiante en común —“Filispim vai...”, informativos e “Faladoiro”—, entidades como Fuco Buxán ou Muíño do Vento contan con programas na grella “filispiniana”, pero tamén chegan voces novas, algunha delas máis próximas ao “podcasting”. Con todo, Pastor non quere deixar de animar á participación, especialmente de colectivos, e de pór en valor o moito que el e outros aprenderon nestes anos de ondas comprometidas.

“Nos primeiros tempos había comunistas, anarquistas, socialdemócratas... E todos convivían dentro das diferenzas porque había obxectivos comúns”, afirma, lembrando que estes días, outra das fundadoras do colectivo, Paula Meizoso, trasladaba que “para ela fora unha experiencia vital, que aprendera moitas cousas que se están a perder, como a tolerencia ou o traballo en colectividade fronte ao individualismo”.

Ademais, cómpre sinalar outro aspecto importante: a interxeracionalidade que, de feito, Pastor apunta ao lembrar que “neses tempos difíciles da pandemia e pospandemia, estivo xente dando a batalla cunha certa idade que hai que mencionar: Vicente Irisarri, Chelo Carballal e César Pita. Eles mantiveron a chama de Filispin viva neses momentos”, finaliza o “Pequeno Monstro”.

Imagen editada

Programación de aniversario en directo desde Canido

A celebración a vindeira fin de semana dunha nova edición do festival de arte urbana das Meninas de Canido, brindoulles a oportunidade de empezar a festexar este 20 aniversario cun programa en directo desde o evento na tarde do venres 5 e na mañá do sábado 6.

Así, sacarán de novo o estudio de radio ás rúas e emitirán un “Filispim vai...” moi especial, no que pasarán polos micrófonos persoas a entidades vencelladas ao colectivo e tamén escoitaranse “pílulas” radiofónicas gravadas por moitas das voces que pasaron pola radio nestes 20 anos.

Será unha oportunidade inmellorable non só para ver como funciona, senón para coñecer á entidade Opaíí!, nun toldo instalado no parque Antón Varela o venres desde ás 19.30 e o sábado desde ás 11.00 horas.