Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Paco Oti: “Non sei se hoxe sería posible algo tan plural como Can sen dono”

“Coñeciamos as publicacións da época –La Codorniz, El Papus, El Jueves...–, logo, como non iamos ter nós unha revista de humor propia, cunha identidade galega?”. En Galicia, explica o debuxante Paco Oti, tamén houbo naqueles anos 80 unha iniciativa que, desde unha pluralidade ilimitada, analizaba a realidade do momento desde o humor, o literario e, sobre todo, o gráfico. Can sen dono foi o seu nome.

Oti é o comisario da mostra que mañá se inaugura no Museo do Humor de Fene para honrar a memoria dunha experiencia única que, lembra, nacera ao abeiro do Seminario Galego do Humor que abandeirara en Sada Isaac Díaz Pardo. Era finais de 1982. “Foi todo un bombazo; unha presentación tan ben preparada que nos fixo ver que esa xente de Vigo traballaba moito e moi ben”, lembra o comisario da exposición. Alí se presentou e pouco despois saíu o número cero, baixo a dirección de Pepe Carreiro, a coordinación de Gogue e a edición de Antón Mascato. Os tres acudirán mañá ao acto de inauguración (20.00 horas) e participarán no coloquio que dará por iniciada a estadía –até o 27 de outubro– dunha mostra na que amosarán debuxos orixinais, reproducións das 27 portadas e correspondencia, entre outros contidos.

Detrás deste material está a man paciente do cabanés Paco Oti, que, ademais de ser colaborador de Can sen dono, atopou o material que estaba depositado na Biblioteca de Galicia, xermolo do que a partir de mañá poderá verse no museo fenés, colaborador necesario ao longo do proceso de compilación e “marco indicado”, precisa, para mostralo ao público coincidindo coas catro décadas desde a súa saída.

Profesionalización

Oti non dubida en sinalar que o  balance de Can sen dono foi “absolutamente positivo en moitos aspectos”. Así, sostén que “ademais de servir de plataforma para todos os artistas gráficos, tamén abriu a porta á profesionalización de moita xente”. Ese proceso foi, dalgunha maneira, o responsable de que, a xuízo de Oti, a revista tivese un final. “Os proxectos”, apunta, “o mesmo que nacen teñen a súa data de caducidade. A xente que a fundou foi desenvolvendo a súa propia vida profesional e chega un momento en que tes que decidir para onde tirar: se continuar con iso (a revista saía polo entusiasmo e o esforzo colectivo e altruísta, sobre todo de Mascato, Gogue e Carreiro) ou priorizar a túa carreira”.

Entre 1983 e 1989, Can sen dono foi quen de facerse un oco entre o público. “Todo foi in crescendo, paulatinamente, porque, claro, había que inventalo todo: non había distribuidoras para produtos que comezaban de cero e moitas veces os propios autores faciamos ese labor. Era máis un traballo cooperativo que outra cousa”, rememora Oti.

Un dos factores que tería contribuído a ese éxito foi a pluralidade. “Era unha revista moi aberta”, di, “na que participaba todo tipo de xente –desde militantes da UPG a falanxistas– sen censura. Iso deulle unha amplitude enorme á publicación, pola que pasamos todos os  debuxantes galegos dunha ou doutra forma”.

Oti non minimiza a base política que, por forza, ten que ter o humor. “O humor sempre é político”, afirma, “igual que o teatro ou outras artes: incide na sociedade dalgún xeito para intentar seducila, facela cambiar de opinión ou abrir as portas e as xanelas que hai que abrir para coñecer as verdades”.

Sería repetible hoxe a iniciativa? Oti teno claro: “Coido que non se darían as circunstancias porque a política mudou moito, ao igual que a idea que a sociedade ten sobre a política. Cando cambian os paradigmas, cambia tamén o comportamento de cada un. Non sei se sería posible un proxecto tan plural. Eu, desde logo, non o intentaría!”. l