
A segunda das sesións do ciclo Afeccións Transformadoras, organizado pola terapeuta ocupacional do Hospital de Día do Servizo de Psiquiatría e Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Nuria García Gonzalo, tivo lugar esta mañá no Centro Cívico de Canido.
Esta acción súmase á que tiña lugar xa no mes de outubro. “Polo feito de ser humanos necesitamos momentos de lecer, e afeccións nas que o noso potencial, a nosa esencia, aquilo no que temos brillo, se manifeste en estado puro”, así explicaba esta profesional a clave desta actividade coa comunidade na que o protagonista de hoxe foi "Noite de Tormenta", partida de xogo de rol "A chamada de Cthulhu", para a que viñeron 5 máster de toda Galicia para dirixir cada un dos grupos.
Con esta actividade, engade esta profesional, seguen as liñas do plan Estratéxico relativo á saúde mental 2030, e poñen o foco tanto na prevención e a atención de calidade para toda a cidadanía dende a participación cidadá, como na promoción dun estilo de vida saudable.
Así, no marco do Programa de Terapia Ocupacional, no Hospital de Día traballan tódolos mércores “a importancia das afeccións, o valor do tempo de lecer, e a conexión deste con nós mesmos e co noso entorno natural”. Agora, dan un paso máis, e trasladan esta actividade habitual a un traballo comunitario centrándose nun modo de lecer e coñecendo os xogos de rol.
Esta segunda sesión sobre xogos de rol forma parte dun ciclo que continuará con outras actividades relacionadas co lecer este mesmo ano e o ano que vén, subliña a terapeuta ocupacional da Área ferrolá.
Un tempo de lecer de calidade
“Hai momentos vitais no que o tempo de lecer é o primeiro que sacrificamos, pero tamén hai momentos nos que a través do lecer nos salvamos”, explica Nuría García. “E non se trata de facer actividades por facer, é conectarnos con nós mesmos e co que nos rodea desde aquilo que nos motiva e que nos gusta”, de aí esta actividade fóra do seu espazo habitual e no marco da súa comunidade, unha actividade de inclusión que “une ó entorno de xeito natural e aberto, como sociedade, creando vencellos”, subliña. “Lecer non é estar a descansar ou deitado. O lecer é un espazo transformador, no que saímos máis completos despois da súa experiencia”, engade esta terapeuta ocupacional. O lecer cando é frutífero e de calidade “serve para que te atopes mellor”, engade.