Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Mocidade comprometida coa música en galego

Son todos mozos, apaixonados da música e, como veñen de amosar, comprometidos tamén coa cultura galega. Cinco grupos de estudantes doutros tantos centros educativos da comarca implicáronse este ano no Festival A Mocidade coa Lingua, impulsado desde hai xa tres décadas desde a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

Detrás das súas actuacións do pasado xoves no Auditorio de Ferrol, houbo horas de traballo para compoñer os temas orixinais, desenvolver os ensaios e contribuír así á celebración dunha cita que ten, entre os seus obxectivos, “sensibilizar á mocidade na importancia de manter a nosa lingua como vehículo de expresión cultural”. Cuarto Cable, do CPI A Xunqueira; A Banda da Ponte, do IES Carvalho Calero; Bandoviño, do CPI Atios; Arredemo, do IES de Fene; e Boa Pregunta, do CPR Tirso de Molina, son os protagonistas desta reportaxe.

Cuarto Cable (CPI A Xunqueira)

Cuarto cable a xunqueira

O festival de Nadal organizado polo centro supuxo a estrea do grupo Cuarto Cable, integrado por Xavier Meizoso (guitarra), Eva Sardiña (piano), Xabier Fernández (voz) –alumnos de terceiro de ESO– e Mario Salceda (percusión), de 1º de Bacharelato. Foi Eva quen, tal e como conta, propuxo aos seus compañeiros tocar na devandita cita e como a actuación saiu ben, decidiron continuar. Para A Mocidade coa Lingua, crearon unha canción orixinal cun poema de Rosalía de Castro. Aínda que centran sobre todo a súa música no rock, o seu repertorio inclúe tamén outros xéneros. A intención da formación, di a pianista, é continuar con este proxecto.

Bandoviño (CPI Atios)

Bandoviu00f1o (CPI Atios)

Cinco estudantes de diferentes cursos dan vida ao grupo do centro valdoviñés. Son Alba Iglesias (teclado), Candela López (voz, gaita e composición), Marta Chans (frauta travesa), Sabela Castro (vocalista) e Simón Díaz (guitarra acústica). Aínda que a maioría deles leva tempo cantando, tocando e formándose en música, este é o primeiro curso que tocan xuntos. Agrupáronse para participar en A Mocidade coa Lingua pero conxeniaron tan ben, que non desbotan manter a formación para futuras ocasións, salientan desde o colexio. Ensaiaron na aula de música do centro maioritariamente no seu tempo libre, implicándose de cheo en todo o proceso de composición e de arranxos dos temas que interpretaron no festival do pasado xoves, que para eles constituíu unha oportunidade “moi importante” para dar a coñecer o que fan máis alá do seu ámbito educativo. Todos son conscientes ademais da importancia que teñen este tipo de eventos como canle para achegar a música en galego á rapazada da comarca.

A Banda da Ponte (IES Carvalho Calero)

A banda da ponte (Carvalho Calero)

A xénese desta banda está no bacharelato de artes escénicas e musicais no que os seus integrantes coincidiron. Concretamente na materia de Linguaxe Musical, que lles deu a oportunidade de tocar en conxunto. O seu principal obxectivo pasaba por vivir a experiencia de tocar nun grupo de música “con liberdade propia e, obviamente, aprender dela, e con isto animar tamén o instituto nos festivais de samaín, nadal, entroido...”, explica Anxo Garrote. El é o percusionista dun grupo do que tamén forman parte Luz (baixo), Antía (piano), José (Cello), Lucía (clarinete), Isa (clarinete) e Carla (voz). Teñen entre 16 e 17 anos. Fan principalmente música moderna (jazz, rock, blues...) pero para a Mocidade coa Lingua tiveron a idea de mesturar a música tradicional galega (rumba e muiñeira) con instrumentos clásicos, tradicionais e modernos.

Destacan a importancia de “ver florecer a nosa lingua neste tipo de ámbitos” a través de iniciativas como A Mocidade coa Lingua. “Por desgraza, non é algo habitual ver o uso da lingua galega cando falamos de música, polo menos, ata hai pouco, pero por iniciativas como esta pensamos que podemos estar vivindo un ‘Rexurdimento 2.0’”, considera Garrote.

Arredemo (IES de Fene)

Arredemo (Ies de fene)

A traxectoria do grupo musical Arredemo comeza en 2008 como “un entretemento”. O que vai variando cada curso son os seus compoñentes –a medida que van pasando polo centro–, a maioría dos cales non teñen coñecementos musicais previos e aprenden a tocar no pouco tempo que teñen para os ensaios, fóra do horario lectivo. Este curso está formado por Alexia (baixo), Antón (guitarra), Alba (batería) e Sara e María (nas voces). A novidade este ano foi que ao festival do pasado xoves levaron un acompañamento de instrumentos Orff -xilófonos ou instrumentos de placas- realizados polo alumnado de primeiro de bacharelato da materia de Linguaxe e práctica musical.

Boa pregunta (CPR Tirso)

Boa pregunta tirso

O colexio de Tirso de Molina enfoca cada novo curso a súa participación no Festival A Mocidade coa Lingua como unha actividade dentro da aula de música en colaboración co departamento de galego. Compoñen as cancións e van engadindo os instrumentos. A formación, pola que o ano pasado pasou Coke Couto, un rapaz que xa iniciou a súa traxectoria musical de pequeno, combina xente que empeza a tocar con outros que xa teñen moita experiencia. Lucas, Dora, Alberto, Silvia e Elena, estudantes de primeiro de bacharelato, son os compoñentes do grupo deste ano.