
Parece que a xente está moi concienciada sobre a importancia que ten para a saúde previr a aparición de enfermidades cunha elevada incidencia como pode ser a da diabetes. Onte, con motivo do día internacional desta enfermidade desenvolveronse diversas accións, con mesas informativas en centros de saúde da Área Sanitaria e tamén no hall do Hospital Arquitecto Marcide, onde persoal sanitario do centro xunto con membros de Asociación de Diabéticos de Ferrolterra fixeron medicións de glicosa, tensión e pé de diabético.
Aínda que a mañá comezou algo tímida, no tocante á participación cidadá, conforme foi avanzando a xornada a xente amosouse cada vez máis disposta e en moitos momentos se produciron ringleiras de persoas agardando para facer algunha das probas.

Marcos Pena e Juana Valencia son dous veciños de Narón e Xuvia, respectivamente, que onte pasaron polo Marcide por causas diversas que nada tiñan que ver coas medicións que se facían con motivo da devandita efeméride.
O alumnado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía realizou onte no Marcide 13 exploracións de pé diabético e máis de 100 medicións de glucemia e de tensión arterial, baixo a supervisión dos profesores Pedro Gil, Emma R. Maseda e Alba Martínez.
Desde a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra lembran o lema deste ano: “Para unha mellor vida con diabetes, miremos máis alá da glicemia”. Así, subliñan que o feito de que moitas veces no control da diabetes tense en conta o valor do zucre na sangue “cando hai moitos outros factores que se deben ter en consideración”.
Tamén engaden que “o acceso aos coidados necesarios e o apoio para xestionar as emocións inflúe na calidade de vida das persoas que viven con diabetes, xa que se trata dunha condición que acompaña á persoa en cuestión os 365 días do ano e que obriga a tomar decisións as 24 horas do día, o que deriva nun desgaste tanto físico como mental”.
Charlas abertas á cidadanía
Ao marxe das charlas informativas que se celebraron onte nos diferentes centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol e as mesas informativas e probas desenvolvidas no Arquitecto Marcide, a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra proseguirá hoxe e mañá con outras accións. Así, para esta xornada está prevista unha acción nas instalacións de Oído Cocinha, en Narón. Trátase dun taller saudable con pratos ricos e sinxelos de elaborar, dado que, como indican, “unha boa alimentación fornece o sistema inmunolóxico”.
Mañá, sábado, o local da asociación acolle tamén unhas charlas de Andrés Peña, enfermeiro, educador en diabetes (padece a de tipo I), e psicólogo que ofrece dúas charlas.