
Este luns 1 de setembro arranca a sétima campaña quincenal do programa da Xunta Merca no teu comercio, unha iniciativa que conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio e que chega nesta ocasión a Pontedeume, despois de pasar polas localidades de Cariño, Cedeira e Ortigueira –anteriormente tamén por Fene e Narón–.
Cabe sinalar que se trata dunha proposta que busca dinamizar o sector e, para iso, os consumidores poderán rexistrar ata o próximo día 15 as súas compras na páxina web oficial da campaña –ou nos propios establecementos participantes–, o que lles permitirá participar no sorteo de tarxetas prepago por valor de 50 euros cada unha, que poderán ser empregadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro.
Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apuntan, ademais, que aínda está aberto o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025. Os interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 26 de setembro, estando fixadas cinco categorías: Premio Comercio Galego (5.000 euros), Premio Comercio Traxectoria (3.000), Premio Comercio Emprende (3.000), Premio Comercio Dinamización (5.000) e Premio Comercio Sostible (3.000).