Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Preto de 260.000 euros do plan de modernización do comercio da Xunta quedan nas comarcas

El executivo autonómico apoia con preto de 260.000 euros en axudas do “Programa de modernización do comercio: Fondo tecnolóxico” a 12 autónomos e pemes das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Precisamente, para dar conta desta convocatoria, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou a farmacia Eiroa Castro, en Narón, beneficiaria dunha achega de 44.947 euros.

A representante do goberno galego explicou que as actuacións para as que solicitaron a axuda encádranse dento do programa Green store, dirixido á mellora da eficiencia enerxética do local e dos recursos.

Así, o beneficiario instalou unha porta automática de acceso ao local cun sensor de presenza e substituiu toda a iluminación existente por outra nova de tipo LED, ademais de controis de luminosidade. Tamén colocou reloxos de control horario e relevou o sistema de climatización antigo, baseado en radiadores eléctricos, por outro con bomba de calor con tecnoloxía inverter.

“A través desta convocatoria a Xunta pretende fomentar a incorporación de novas tecnoloxías que permitan que as pemes ou as asociacións do sector poidan dar resposta aos novos hábitos de consumo e que impacten na transformación dixital dos propios establecementos e do seu modelo de negocio”, apuntou Aneiros, engadindo que “redundará na rexeneración comercial das vilas e cidades”.

A convocatoria estableceu dúas liñas de subvencións: unha para persoas autónomas e pemes comerciais e outra para asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro.

Dentro dos proxectos subvencionables incluíanse melloras en diferentes áreas da estratexia comercial online e en comunicación, modelo de negocio e experiencia de compra; adaptacións do espazo físico de venta; melloras da eficiencia e a sustentabilidade da entrega de última milla e melloras da eficiencia no consumo enerxético no local e nos recursos (Green store).

O “Programa de modernización do comercio: Fondo tecnolóxico” está financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-Next GenerationEU.