Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Oriana Mateus, a pontesa de nove anos que debuta como escritora

Oriana Mateus é unha nena pontesa de nove anos cuxa curta vida está marcada pola creatividade. Amante do debuxo, instruída e influenciada pola súa nai, acaba de publicar “Mágicos Cupcakes”, un libro infantil cunha historia que inventou ela mesma e que, grazas ao labor do seu tío político, Francisco Manigraso, agora xa é unha realidade.

“Yo soy un amante de la literatura y siempre estoy leyendo. En el bar de los padres de Oriana paro muchas veces con mi libro a leer y ella siempre está cerca preguntando qué es lo que leo”, explica Manigraso. A pesar desta curiosidade, a nena “no es muy lectora”, xa que non chegou a atopar ningún libro que lle resultara interesante. Ante esta situación, o seu tío formuloulle unha proposta: “Invéntate una historia, escribimos un libro y así ya puedes leer algo que te guste”, díxolle. Aí comezou todo.

A historia

O que naceu como unha especie de xogo foi evolucionando ata que decidiron envialo a unha editorial, concretamente Bookmundo, cuxa plataforma web é o medio a través do cal o público poderá adquirir o libro.

Cada tarde durante un par de meses, ámbolos dous sentaban no bar dos pais da nena para traballar e discutir as ideas e a historia á que Francisco Manigraso deu forma. Para él, un dos puntos máis complicados deste proceso foi “enfocar la historia de una manera que fuese atractiva para los niños más pequeños”, xa que aínda que a escritura é unha das súas maiores afeccións, non tiña experiencia na literatura infantil. De feito, conseguiu tamén un obxectivo ao publicar por primeira vez material escrito por el.

Debuxos

Oriana non só inventou a historia, senón que tamén debuxou a portada e as ilustracións que figuran no libro tras pasalas por un filtro de Intelixencia Artificial. “Á miña familia gústalle pintar, ensinoume miña nai e agora gústame a min”, explica ela antes de confesar que nunca foi a ningunha clase para aprender esta arte.

Francisco Manigraso afirma entre risos que a súa sobriña “se está volviendo famosa” no concello das Pontes, pois a acollida de “Mágicos Cupcakes” está a ser moi boa e, aínda que polo de agora non se celebrou ningunha firma, ela ten ganas de presentar a súa recente publicación no seu colexio, proposta que “estase a plantexar”.