Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Neda recupera da man do Concello as súas festas na honra de Santa María

Santa María de Neda recuperará este 2025 as súas festas patronais. Despois dun ano de parón, o Concello anunciou que asumirá a organización dos festexos, que se levarán a cabo os días 8, 9 e 10 deste mes na contorna da igrexa parroquial. Entre os principais reclamos atópase a presenza de Panamá, “unha das grandes orquestras do panorama galego”, expoñen desde o executivo que dirixe Ángel Alvariño.

Así, o cartel inclúe dúas xornadas grandes nas que se celebrarán funcións relixiosas ás doce e media do mediodía e haberá “moita música”, estando o último día pensado para o desfrute do público infantil.

En concreto, o día da patroa, terá lugar unha solemne función relixiosa pola Natividade da Santísima Virxe María, á que seguirá unha sesión vermú a cargo do grupo Jaque, “cun repertorio de baile cargado das últimas novidades”. A formación repetirá actuación na sesión nocturna, nunha gran verbena na que estará acompañada polo quinteto Eureka, que recala en Neda dentro da súa xira “The original tour”.

Xa o martes, despois da misa, a música volverá cobrar protagonismo co Dúo Estrellas –que participou este ano no festival de comparsas de entroido do municipio–. Os vilalbeses subiranse de novo ao escenario pola noite, momento no que será posible tamén gozar da Panamá Band, “cunha traxectoria de case corenta anos e sembre ben situada na clasificación de orquestras”, remarca o Concello.

A última xornada “extra”, a do mércores, será a do Día do Neno, na que os máis pequenos poderán gozar unha vez máis das as diferentes atraccións instaladas para a celebración das festas patronais.