Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Intercambio de culturas e tradición en Narón

Son moitas as agrupacións que manteñen vivo o folclore de cada territorio, así como as iniciativas que favorecen as culturas propias. Sen ir máis lonxe, hoxe a partir das 21.00 horas o parque do río Freixeiro albergará o XXXIV Festival Internacional de Folclore, organizado polo Padroado de Cultura, no que confluirán formacións da xeografía nacional e internacional para compartir tradición a través da arte.

Nesta edición participarán, ademais da Banda de Gaitas e o Grupo de Baile e Música Tradicional Alxibeira de Narón como anfitrioas, Coros y Danzas Castiella (Valladolid), Grupo Folclórico Kapusancas (Eslovaquia), Jazzy Dance Studios (Angola) e Conjunto de Proyecciones Folklóricas Dora Pérez de Zárate (Panamá). Deste xeito, o festival impulsa a tradición galega á vez que achega a Narón o folclore de distintos lugares. A mostra consistirá nas actuacións das diferentes formacións precedidas dun desfile no que participarán todos os grupos.

Un dos nomes que fai posible este festival é o de Zahyra Regueiro, coordinadora do mesmo,  así como integrante e monitora do grupo Alxibeira. Salienta o feito de que “a xente de aquí vexa outras culturas” como o principal obxectivo da iniciativa. Como membro de Alxibeira, valora a convivencia das agrupacións durante os días previos ao evento, permitindo o intercambio cultural.

Os grupos do festival conviven durante os días previos, compartindo experiencias

Banda de Gaitas e Alxibeira

A Banda de Gaitas de Narón é un proxecto impulsado no ano 1982 pola Escola Municipal de Gaitas cun claro fin de protección e expansión da música tradicional galega. Adoita levar a cabo actuacións por Galicia, España e Portugal. Actualmente está composta por 45 integrantes –que tocan a gaita ou instrumentos de percusión– de distintas idades e dirixida polo gaiteiro e mestre Román Romero.

O Grupo Alxibeira nace a finais de 1986 para “revalorizar o folclore e costumes de Galicia e recuperar as nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas”. Seguindo este espírito, entre os 80 e os 90 levaron a cabo un proceso de recolección por toda Galicia de bailes e músicas para configurar o seu repertorio. Os vestiarios que locen están confeccionados a partires dos patróns e tecidos dos traxes antigos. Dende o 2020, a dirección corre da man de Quique Peón.

Coros y Danzas Castiella

A súa orixe remóntase 52 anos atrás en Cabezón de Pisuerga, sendo a agrupación máis antiga de Valladolid, e dende entón adícanse a  recuperar e conservar o patrimonio folclórico desta provincia a través dun repertorio formado por música tradicional vallisoletana e Castela e León.

Teodoro Gil e Rosa Santamaría encárganse de dirixir este grupo formado por 40 membros que cantan, bailan ou tocan a dozaina ou a caixa.

Cada ano acuden diversas agrupacións a nivel rexional, nacional e internacional

Grupo Folclórico Kapusancas

Este conxunto fundouse en 1987 en Kapusany, pobo pertencente á Eslovaquia oriental, pero sufriu varios parénteses e cambios na súa formación ata 1990, ano no que renovou o seu traballo e continuou ata a actualidade. Hoxe en día contan con tres seccións divididas en nenos, mozos e adultos e canto musical e un repertorio baseado en cancións e danzas da rexión de Saris.

Integran instrumentos como violín —primeiro e segundo—, contrabaixo, acordeón, prato e, de cando en vez, clarinete.

Jazzy Dance Studios

Trátase dun grupo de danza tradicional angoleño de recente fundación (2024) que participa en espectáculos nos que se adaptan  á variedade de estilos.

Para a configuración e mantemento da calidade da súa actividade a través das xeracións emprega a investigación, recompilación e estudo das manifestacións culturais dos pobos, así como obradoiros formativos.

Dora Pérez de Zárate

Esta agrupación está en activo dende xuño de 2018, baixo a dirección do profesor Nicanor Castillo Norato. Integran música popular de todas as rexións do país conxugadas con arranxos coreográficos e basean a súa actividade en bailes folclóricos panameños, que xuntan danzas hispánicas con indíxenas e africanas.

O conxunto consta de catro categorías: Inicial A, Inicial B, Intermedio e Xuvenil.