Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Iniciadas as expropiacións para a ampliación e mellora da estrada DP-2502 ao seu paso por Valdoviño

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou na súa edición do pasado martes 29 de abril o anuncio de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 38 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP-2502 ao seu paso por Vilaboa, en Valdoviño.

Neste sentido, os propietarios e propietarias están citados a un encontro o vindeiro 3 de xuño, que terá lugar na escola unitaria do lugar entre as dez e media da mañá e as doce do mediodía.

O proxecto contará cunha inversión total que ascende a 420.879 euros, dos que algo máis de 36.000 corresponden ás expropiacións precisas para ampliar a plataforma da calzada, que chegará a ter un ancho total de 8,25 metros.

O vial contará con dous carrís de tres metros en cada un dos sentidos de circulación, unha pequena beiravía exterior esquerda de 25 centímetros e unha dereita de dous metros, “o que permitirá o tránsito seguro dos peóns”, explican desde a Deputación da Coruña.

Esta última executarase mediante unha capa de rodaxe con formigón hidráulico coloreado, co obxectivo de distinguilo do resto da plataforma, priorizando o uso de cores “que se integren co medio no que se implantará a obra”, remarca o organismo provincial.

Ademais, a sinalización da calzada realizarase completa, tanto a horizontal como a vertical, colocando varios redutores de velocidade tipo lomo de asno ao longo do tramo.