Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cedeira

Os Maios se celebran en Cedeira cun mapa de concertos simultáneos pola zona vella

Este ano, Os Maios en Cedeira volven contar coa organización da asociación cultural Discalz@s Polo Festival, que ten preparada unha proposta orixinal de música na rúa para este sábado, a partir das 12.00 horas, na que as distintas bandas irán rotando de escenarios. A xornada complétase coa programación do auditorio municipal, que ás 20.00 propón a representación de “O dragón de ouro”, a cargo de Sarabela Teatro, e ao día seguinte, ás 18.30 horas, un monólogo de Carlos Blanco.

As actuacións pola tradicional festa da primavera repartiranse en catro tramos horarios por seis puntos do casco vello: as zonas Marieta/A Ponte, Pinzón, Peirao, Os Cantís, Jojó e Praza do Peixe, que acollerán os primeiros concertos ás 12.30 e os últimos ás 15.30. Os grupos protagonistas serán P-Rayada, AC Buxainas, Aianai, Armeria, Son “5” e Chulita Carolla. Durante a xornada, a rúa Ezequiel López será peonil.

Dende unha hora antes do inicio da función da compañía Sarabela, é dicir, ás 19.00, empezarán a venderse na billeteira do auditorio municipal cedeirés as entradas para “O dragón de ouro”, a 3,50 euros. Ánxeles Cuña dirixe a representación, cuxo elenco está formado por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu, Sabela Gago e Fernando González. Esta peza contemporánea, que foi traducida do texto escrito polo reputado autor alemán Roland Schimmepfenning, utiliza o humor e os xiros paradóxicos para falar da inmigración ilegal e a prostitución forzada dende diversos puntos de vista.

Para rematar a intensa programación cultural que se vivirá esta fin de semana no concello, o auditorio recibirá o domingo ao humorista arousano Carlos Blanco, que se popularizou co seu papel de Ladislao en “Mareas Vivas” e leva máis de 20 anos triunfando cos seus molólogos, amais de continuar traballando en cine, televisión e teatro como actor. Desta volta presentará “A penúltima”, unha función para a que será preciso mercar a entrada na web de Ataquilla.