Triunvirato ruso no Auditorio
A “Sociedad Fliarmónica Ferrolana” programou o pasado xoves o derradeiro concerto da tempada reunindo no Auditorio a un triunvirato ruso de auténtica categoría. Músorgsky, Reinhold Gliére e Chaikovsky representantes os dous primeiros desa música inspirada no realismo popular e nos gustos occidentais o terceiro. Todo eleborado nos “fogóns” da Orquestra Sinfónica de Galicia esta vez baixo a batuta de Óliver Díaz, tremenda no seu potencial sonoro, que unaha vez máis deixou encantado a un publico que somos xa admiradores condicionais desta prestixiosa formación. Reitérome, seino, ao dicir que gozo deixándome levar pola música cara a onde ela queira guiarme. Escoitando “Unha noite no monte pelado” de Músorgsky vinme mergullado nun aquelarre onde as bruxas invocan a divinidade do Maligno con esa nocturnidade e aleivosía que enmarcan esas practicas nigromantes á luz difusa da lúa. O realismo inspirado na música popular do compositor obra ese milagre. Son patentes os rasgos musicais cheos dese misterio que rodea á invocación das bruxas ata que soa a campá dunha pequena ermida aló ao lonxe anunciando o alborexar e a música tórnase suave e melancólica momento no que as meigas desaparecen entre a bruma deixando paso á claridade resplandecente do día. E o día vaise abrindo coa música de Gliére e xorde o rumor cristalino da auga no seu transcorrer polos regatos e pequenas fervenzas, sons reflictidos polo arpa cuxo cordaxe semella finos carámbanos de xeo que case se rompen ao contacto cos dedos, dedos expertos que neste caso obedecen ao talento interpretativo de Xavier de Maistre. O realismo socialista está presente no ánimo e na inspiración deste compositor que foi nomeado “artista do pobo” polo interese amosado na música dos pobos da entón Unión Soviética. Un espléndido concerto para arpa e orquestra. E para o final Chaikovski, unha inesgotable fonte de consonancia , perfectas harmonías que o ouvido agradece pola sutil e clásica arquitectura que se proxecta no pentagrama. Chaikovsky o mesmo podería ser ruso que austriaco por como estructura a súa música próxima ao gusto occidental. A súa Suite Orquestral nº3 cos seus catro movementos ben definidos, convértese en auténtrica sinfonía que ao final estoupa en potentes fogos de artificio de vívidos cores dándolle á orquestra a posibilidade de amosar o seu enorme potencial. Unha apoteose final para o final dunha triunfante tempada de 14 concertos. Abofé.
