Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

SOLUCIÓNS AOS AFIUZAMENTOS

O agravamento da crise e máis a reforma financeira (que obrigou a banca a provisionar os seus activos sobrevalorados, incrementando as execucións hipotecarias que antes non lles interesaba instar) xerou unha multiplicación dos desafiuzamentos. Moitos deles, porén, teñen a súa orixe na falla de pagamento dos alugueiros e todos han constituir unha prioridade das políticas sociais. A perda da vivenda xera a máxima exclusión social e imposibilita para a busca de emprego e mesmo para a custodia dos fillos.

Mais no caso dos desafiuzamentos das resultas das execucións hipotecarias compren outras medidas ademáis das sociais. Compren reformas lexislativas reais e non parches como o que ven de aprobar o Goberno. Parche inútil e que incide nesa política tan cara ao PP de tentar dividir á cidadanía. Neste caso entre “necesitados” e “super-necesitados”. Porque non son as cargas familiares nin os níveis de renda o problema, senón as propias leis.

O primeiro problema é procesual. A Lei de Axuizamento Civil impide que os debedores poidan formular unha oposición ás demandas de execución hipotecarias por causas de fondo (por exemplo, por vicios do consentemento ou pola taxación dunha vivenda hipotecada por un valor superior). Oposición que non paralisaría o desafiuzamento, o que motivou o informe da avogada xeral do Tribunal de Xustiza da UE considerando que esta normativa procesual vulnera o principio de protección ao consumidor e, xa que logo, o Dereito da Unión Europea. Permitir que os debedores poidan alegar canto ao fondo con carácter suspensivo permitiría que os xuices controlen individualmente a posíbel existencia de cláusulas abusivas ou vicios do consentemento, o que semella foi común na época da burbulla.

Mais a nosa lexislación require doutras reformas. Neste senso é fundamental que a dación para pagamento se impoña como obriga para as entidades financiadas con cartos públicos e, tamén, unha reforma da lei consursal que facilite, como nos USA, que as persoas físicas poidan comezar outra vez de cero despois dun proceso concursal.