LUCES
As que non hai no escenario da montaxe de “Luces de bohemia” que veño de ver no María Guerrero. Nin hai, nin pode habelas no entorno tan opaco, por non dicir definitivamente escuro, que Valle imaxinou para (talvez) a mellor función do teatro español de todos os tempos. E digo isto sabendo abondo que Tirso, Lope e Calderón son un trío prodixioso, e tamén que “La Celestina” é perfectamente representable.
Aínda así. Hai un retrato tan asisado da España máis tráxica nesta obra, co seu alicerce esperpéntico, un engarce ou enguedelle tan axeitado no vencellar de estampas que Valle imaxinou para esta moxiganga, que non dubido en sinalala como a función máis clásica do teatro español. De maneira que García Prieto, Silvela, Romanones ou Maura, a súa lonxanía histórica á parte, son xa personaxes ben literarios. Por mor de Valle-Inclán, quen tamén os levou pasear polo Callejón del Gato.
Desta volta, nun escenario rotundo e espido, que vale igual para a cova de Zaratrusta, a taberna de Pica Lagartos, o xornal de Don Filiberto ou o despacho de Gobernación, cun piano e un violín como ilustracións musicais, Max Estrella é Gonzalo de Castro. Un actor tan televisivo como Isabel Ordaz, que fai nesta función de Madame Collet. Os dous andaban pola serie “Aquí no hay quien viva”, demostrando que neste país, contra dos agoirentos, hai un manancial interpretativo bárbaro. Como as comedias aquelas de Valle, fachenda e orgullo galegos.
