LETREIROS MUNICIPAIS NAS RÚAS DE FERROL
Nas últimas datas algún sabichón persoeiro ferrolán está a colocar unha serie de letreiros nas fachadas de significados edificios de Ferrol da Ilustración, subvencionados polo “Fondo de Desenvolvemento Rexional Europeo”. Os carteliños de cor gris fundición levan o brasón da cidade cunha infumable coroa marquesal e conteñen numerosos erros, descoñecendo se a colocación se fai co propósito de informar ou de confundir ao pacífico viandante.
Primeiro letreiro. Edificio situado na Praza da Constitución, que neste intre constitúe a sede dunha Fundación que, aínda que mudou o seu nome, segue a ser a mesma desacreditada e miserenta entidade bancaria galega. No letreiro que colocaron na fachada aparece escrito FUNDACIÓN NOVACAIXAGALICIA/ 1801 FRAY PLÁCIDO CAAMIÑA.
Trátase da antiga Cárcere Pública, construída polo arquitecto municipal López Llanos, edificio que logo albergou o Concello de Ferrol. O ano 1927 usouse como Instituto de Ensinanza Media, sendo a partires do ano 1944 o Goberno Militar da cidade. A construción alterou o seu exterior coa adición de dous pisos o ano 1953 e a súa distribución interior o ano 2009 por mor do seu actual uso.
Estes son os datos auténticos do edificio; realmente o arquitecto Fray Plácido Caamiña nunca tivo nada que ver co mesmo.
Segundo Letreiro. Edificio situado na esquina da rúa Magdalena con Méndez Núñez, hoxe utilizado, trala súa recente remodelación, como “contedor cultural” por un “totum revolutum” de asociacións culturais e veciñais da cidade. Neste caso no letreiro da fachada aparece escrito CENTRO CULTURAL CONCEPCIÓN ARENAL/ 1762
O edificio pertenceu ao legado que Pedro Carvajal de Castro fixo á Beneficencia Municipal de Ferrol cando faleceu o ano 1887, albergando o Xulgado Municipal ata o ano 1953 e sendo logo a sede do Ateneo Ferrolán ata a súa remodelación. É totalmente absurdo que lle poñan o nome da prestixiosa penalista Concepción Arenal a un edificio ao que realmente lle cumpre levar o nome de Legado Carvajal de Castro.
Terceiro letreiro. Edificio esquinal, situado entre as rúas María e Sol, restaurado fai dous anos. No seu letreiro pódese ler ANTIGO HOSPICIO/1800-1830. Este edificio foi construído arredor do ano 1790, sendo destinado a vivendas co nome de Mesón de Valentín, albergando realmente o Hospicio Municipal cando o ano 1875 o Concello mercou e arranxou o edificio.
Nos últimos tempos albergou o Museo da Historia Natural e a Confraría de Dolores, e trala súa remodelación se descoñece o seu uso futuro.
O que tristemente se sabe é que alí se atopa a importante documentación de Ferrol da Ilustración, xestionada por unha absurda entidade, sen que os investigadores poidan facer uso dela. Outra nova vergoña cultural do Concello.
Mentres tanto, un edificio histórico de Ferrol que aínda se conserva en pé, restaurado e cunha planta engadida, no número 7 da rúa Espiritu Santo, non ten unha placa que lembre que entre os séculos XVI e XVIII foi o Hospital de Peregrinos. Xa que os responsables da xestión do Camiño Inglés no Concello de Ferrol pasan do tema, os representantes do Hospital de Caridade, herdeiros dese antigo establecemento, deberían colocar esa placa.
Falando do Patrimonio Cultural, os peregrinos do Camiño Inglés pasan por diante da nobre Sala de Armas do Arsenal, senlleiro monumento de Ferrol da Ilustración, que amosa cara a rúa unha horrorosa porta, unha reixa industrial e un xardín de moi pobre categoría. Aí ten a perlésica Armada outro tema pendente de colaboración coa cidade e o seu ornato, poñendo en valor o devandito edificio e a súa contorna.
Addenda. O que de verdade ten que preocupar ao Concello de Ferrol e á inoperante Asociación de Veciños da Zona Centro é o abuso da privatización dos espazos públicos. As rúas e prazas son lugares públicos de convivencia onde os cidadáns pasean e se relacionan, e teñen que estar ao seu dispor.
Hai que evitar que se produza unha ocupación excesiva de rúas e prazas polas terrazas dos establecementos de hostalería.
jjburgoa@hotmail.com
