ANTES DE POBRE, MILLONARIO
OGoberno do Reino de España vai ter difícil explicar aos cidadáns o motivo de que haxa que inxectar diñeiro, en cantidades astronómicas, no sistema bancario, sobre todo cando non hai caras nin corpos a quen botar a culpa do desastre financeiro.
En Estados Unidos desfilaron pola Cámara varios directivos de entidades e a xente puxo rostro aos supostos culpables, ningún foi ao cárcere, pero pagaron a condena de seren vistos por millóns de persoas.
Por estes pagos, tanto galaicos, españois como europeos, fóra da pantomina de Islandia e da denuncia dos sindicatos nacionalistas galegos e vascos, non sabemos a quen botarlle a culpa porque no fondo todos temos algo que ver no derrubamento do sistema cando as empresas e particulares medían a súa valía pola capacidade de endebedamento.
Un era importante cando ía á oficina máis próxima e o comandante do banco estendía unha póliza de crédito sen outro aval que a cara bonita do cliente, que se vangloriaba de que lle prestasen tantos miles de euros sen saber moi ben como os devolvería.
Había casos en que por ser un dono dun ferrado de terra xa era millonario e pedía ao contratista pola súa venda un piso, un baixo e o que se lle ocorrese por incluír os seus metros cadrados nunha futura urbanización que, como non, era de luxo.
Agora aqueles supostos novos ricos son pobres, pero o lamentable é que seguen considerando que o valor do predio é o mesmo que hai seis anos, como lles ocorre aos bancos que contan no seu balance os activos comprados nos tempos de bonanza segundo o importe daqueles días. Así as contas non cadran porque o fume non é tanxible.
O triste do rescate da banca é que os esforzos que se fixeron non van servir para nada, porque ao final teñen que vir salvar as entidades os europeos antes de que se descalabren por completo. Isto xa era mellor acometelo hai anos, así aforrábamos sufrimentos. Quen se acorda dos anos que durou a famosa fusión das caixas galegas e o tempo perdido en cal era a que valía máis? Ao final, nin a unha nin a outra, todo era vento e ar espeso nas súas caixas fortes.
Aos galaicos iso do rescate tráenos un pouco sen coidado mentres haxa un cortello de animais no que esconder os euros nunha caixa de latón de galletas, porque iso de ser ricos nunca o cremos moito despois de tantos séculos na pobreza.
Só algúns de por aquí fixeron de seu a máxima da riqueza madrileña, aínda que non foron quen de asumir o cambio do Ford Fiesta ao monovolume para saír de paseo os domingos pola tarde, así que ante o rescate haberá que volver a pasar as tardes á raiola mentres non sexamos millonarios outra vez.
