Unha charla excelente
Sempre é de agradecer poder contar con alguén cuxa solvencia garanta o éxiito dunha conferencia, e isto foi o que aconteceu co profesor Baltasar Fra Molinero ao brindarnos a un grupo de xente a posibilidade de, en primer lugar, escoitalo nunha excelente exposición referida á impresión que causou en Maine ( EE.UU), onde reside dende 1984, a elección de Donald Trump coma presidente e despois poder intercambiar pareceres con el nunha palestra distendida en torno a este acontecemento e o que pode supor para os EE..UU e para o resto do mundo que un personaxe coma D. Trump sexa, así de súpeto, o home máis poderoso do mundo.
Sería un erro imperdoable deixar pasar a oportunidade de non aproveitar a estancia en Ferrol deste profesor que imparte docencia no Bates College de Lewiston e perder así a ocasión de escoitalo. Falounos dunha visión actual de USA e do Mr. Trump que nos ven. Foi unha sorte poder contar cun testemuño directo, con alguén que viviu in situ coma un pobo que se di tradicionalmente optimista está convencido de poder vencer calquera adversidade, incluso a de ter a D. Trump coma presidente. Falou o profesor do papel de certos medios de comunicación postos a disposición de Trump co gallo de devolver a América ese orgullo emanado dun nacionalismo do máis rancio e casposo. Dicía Luís Rojas Marcos que: “por si sós os medios non teñen poder para alterar a capacidade de diferenciar o bo do malo. Só inflúen cando as súas mensaxes caen no medio fértil da ignorancia e o aturdimento”.
Non era a miña intención, aínda que case o fago, resumir o que foi a charla coloquio: sintoo polos que non puideron ou non quixeron asistir. O caso é que botei de menos a certa xente, desa que acostuma acudir a esta clase de eventos. O único que lles podo dicir é que se perderon unha excelente palestra. Que lle imos facer!! Só desexo manifestar a gratísima impresión que me causou escoitar ao profesor Baltasar Fra, polo humanismo emanado nas súas manifestacións, a súa esquisita educación e ponderación , a súa exposición clara sen que aparecese nela ningún rasgo de sectarismo e a elegancia con que contestou as preguntas no coloquio, sobre todo aquelas que o inquirían a tomar partido ou a facer certas comparacións co que nos acontece a nós.
Foi unha lección de comunicación por parte de alguén que sabe transmitir sinxelamente, sen necesidade de falar ex cátedra, dicindo as cousas cunha meridiana claridade. Por todo iso, moitas grazas profesor!
