De intimidades
Máis dunha vez teño falado nas páxinas deste noso xornal do pracer que me produce cada domingo a lectura da columna “La zona fantasma” de Javier Marías en El Pais Semanal, independentemente de que poida coincidir ou non no tratamento dos temas. Son columnas marabillosamente escritas e abonda. Co da penúltima semana, “En favor de la ocultación natural”, non coincidín para nada, o que non quere dicir, en absoluto, que non gozase coa súa lectura. Nin, por suposto, tampouco que o que eu penso sobre as cuestións abordadas por Marías sexa máis avanzado que o que pensa el. Nin máis groseiro, nin menos fino. O escritor e académico manifesta non gustar do que teñen feito con algunha das súas novelas á hora de transformalas en guións cinematográficos. Cita algunha escena que o deixou estupefacto, alguén que facía os seus “menesteres” coa porta aberta e falando coa parella, detalle que para min carece da menor importancia. Lembroume o do ruído do pis disimulado da Asignatura pendiente de Garci. De La grande bouffe ou de Le Fantôme de la liberté xa non falamos.
