Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Apesar do veo circense e alienante do fútbol e da televisión consumida, e contando coas prácticas sistemáticas de aparvamento e de desinformación dos medios, ao servizo do poder económico, a ignorancia non pode ficar intacta. Nesta época de activas redes sociais críticas e informativas, para calquer goberno, por muito que se esforce, resúltalle imposível manter oculta a verdade por muito tempo.

Durante meses repetiuse desde os gobernos español e galego que a crise económica fora debida ao exceso, á preguiza e á ineficiencia dos funcionarios, á mala cabeza das persoas, que viviron por cima das súas posibilidades, é ao déficit público. E fóra de que a actividade neses ámbitos fose máis ou menos cuestionábel, demostrouse que esas afirmacións eran puras falacias dos políticos trapalleiros que temos, costumados a enredar e a desviar a atención dos cidadáns. Despois de teimaren en que o público funciona pior que o privado, evidenciouse que a crise fora provocada, non polo sector público, senón por mor da dívida privada das mal xestionadas caixas e bancos coa banca alemá. As consecuencias comezáronse a notar por todas as partes cando a cidadanía sofreu as tesouradas no seu Estado do benestar para lle dar inxentes recursos estatais ás entidades financeiras.

E debido ao coñecimento da etioloxía da crise, ao vermos a desigualdade no seu pago, segundo se for alta burguesía ou simple clase media ou proletariano, e á democracia de pésima calidade aquí existente, e á innación dos tribunais, a pax política da transición se está a romper definitivamente. Este Estado deixa de ser social e xa non garante para os seus cidadáns nen sequer os mínimos de benestar consensuados e fixados na constitución. Por tanto, os primeiros “anti-sistemas” son aqueles poderes fácticos económicos e políticos españois que non respeitan aqueles acordos e que de maneira irresponsábel, para os seus propios intereses, por mor da súa avareza, aceleraron a loita de clases até extremos inconcebíbeis hai uns anos.

Visualizouse como nunca anteriormente o contubernio existente entre políticos sistémicos e banqueiros, a degradación da institución monárquica e a corrupción xeneralizada á que ninguén nesta democracia de baixa intensidade lle quer pór freo. Incríbel a pasividade dun poder xudicial, que non atallou nen atalla a palpábel degradación dos ámbitos económicos e políticos.

Nas costas dos asalariados, dos autónomos e dos pequenos empresarios cárganse os custos e a saída da crise financeira, sen que aos enriquecidos responsábeis da desfeita se lles faga devolver o por eles saqueado, se callar, xa nos paraísos fiscais. Sen que se persiga como é debido a fraude fiscal nen que se incremente a fiscalidade ás grandes fortunas e ás rendas do capital, mantendo, alén diso, os privilexios dos cargos públicos e a duplicidade nas institucións.

Xa somos oficial e internacionalmente unha nova Grecia. A cidadanía olla impotente a terríbel inxustiza da forma de pago do resgate e que a soberanía nacional, a do pobo, que desde os ilustrados era a base da democracia, non se vai respeitar. Quen manda é a troika e os seus funcionarios estatais instalados no goberno. Está por ver é se os cidadáns españois aturarán os custos da crise sen un estalido social e se tamén se acabará sendo unha nova Grecia no político.