Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Cavilacións dun exdeputado

A sensación de ruína espállase, a cada paso máis, entre a sociedade ferrolá. Non só é a constatación dolorosa da decadencia industrial, moi en particular do importante sector naval; é tamén a comprobación inevitábel do deterioro material, físico, da cidade, e do empobrecemento dos seus habitantes: edificios ruinosos, casas valeiras, fuxida alarmante de xente moza, presenza maioritaria de persoas idosas, cerre de comercios, soidade nas rúas, precariedade, pobreza... Se ben é certo que somos un caso especialmente grave no contexto galego, pódese afirmar que representamos unha metáfora avanzada de toda Galiza.
Porén, cometeríamos un grave erro analítico se considerarmos que esta atmosfera decadente, empobrecida e ás veces deprimente, é produto súbito da crise económica, social e política que vivimos nos últimos anos. Máis ben é a culminación dun proceso, sempre latente e en progreso, que se agudizou e acelerou agora. Nos seus síntomas e causas reais, levamos sufríndoo desde hai xa varias décadas: emigración da mocidade, retroceso do sector industrial, perda de poboación, envellecemento, renda per capita máis baixa de todas as cidades galegas, niveis de paro máis elevados, menor porcentaxe de poboación activa. Coido que pecaríamos de simplismo inxenuo e superficial, se atribuísemos a causa fundamental deste desastre ao mal facer, na esfera das súas competencias- que tamén o  houbo e o hai- , dos gobernantes locais. A maioría deles tiveron, e teñen os que están, responsabilidade no que acontece, fundamentalmente por avalaren, de forma entusiasta, obediencia cega, resignada ou cínica, deseños externos que nos levaron a esta prostración. Os partidos gobernantes en Ferrol como sucursais da súa central madrileña cumpriron a función no interior da nosa sociedade e na corporación local, de colaboradores entusiastas  para pasaren de contrabando planes agresivos con discursos anestesiantes da poboación: o sector naval non tiña futuro por non ser moderno; había que reconverter o existente sen nunca presentar nada alternativo da mesma entidade; a redución  da produción era un custe a pagar para compensar as axudas “ilegais” aos estaleiros; hai que ser solidarios cos do sur... Así até o paroxismo de, en nome dunha suposta defensa do público, xustificar mesmo a inactividade e malgasto social que representa ter unha factoría que non a deixan construír barcos nin empregar en nada as súas potencialidades técnicas nin a capacidade das súas infraestruturas, algo único en todo o mundo...O pecado estivo, e está, pois, en serviren de pulchinelos aos gobernos de Madrid e Bruxelas -xa non falo da Xunta, incompetente no sentido etimolóxico e popular do termo-. Contando con tanto colaboracionismo interno, malia tanta mobilización inevitábel, foron afogándonos e privándonos, lenta pero eficazmente, dos nosos sectores estratéxicos, a comezar polo naval.
Poderíamos pór moitos exemplos ilustrativos de que a solución para o noso declive pasa por non termos medo a cuestionar radicalmente, actuando en consecuencia, o deseño político que nos desposúe da noso dereito e da nosa capacidade a decidir libremente o que nos convén, en todos os eidos. Significa que, nas nosas conciencias, ten que ser prioritario estarmos en disposición non só de discutir, senón de romper cos deseños políticos estatais e comunitarios que nos aniquilan. Este é o repto principal de Galiza se queremos ter futuro. Por certo, pensaron algunha vez como gobernar con eficacia e perspectiva de futuro un concello como Ferrol, moito máis inmerso nunha crise de tal envergadura, cun Ministerio de Defensa omnipresente, omnipotente e arrogante que nin come nin deixa comer, e aínda enriba non paga impostos? Como é posíbel facelo contando con todas as potencialidades cando o Ministerio de Fomento-Autoridade Portuaria e o Ministerio de Medio Ambiente controlan, caprichosamente, todo o borde litoral e a ría, xunto co mando militar?
Desde 1996 non lle faltou a Ferrol nin á comarca quen defendese os seus intereses colectivos tamén  no Congreso dos Deputados, como se fixo, desde moito anos antes, no Parlamento Galego, con menos competencias. Houbo, e hai, alí entusiasmo no labor: non hai máis que mirar o Diario de Sesións. É posíbel que sexa Ferrol a cidade que máis atención mereceu en debates, iniciativas e votacións, durante os últimos dezasete anos. Mesmo cando nos foron favorábeis, as consecuencias positivas que se debían derivar, sempre toparon con barreiras para seren executadas ou se fixo con lentitude exasperante. Estamos perante un problema político que compre encarar politicamente. Pretender solucionalo con máis España e máis UE é cavar aínda máis a nosa tumba. Após máis de trinta anos erráticos, vai sendo hora de ter o valor de escollermos un camiño que nos conduza a algures. Este camiño será real, malia poda ser difícil, se optamos polo pobo galego contar con dereito e capacidade para decidir o que máis lle convén. Sen ela, nin Ferrol nin Galiza terán o futuro ao que temos dereito.