ESPERANZAS
Como o curso escolar a estas alturas ten case esgotadas as mentes máis limpas, había que aproveitar a ponte do Voto de Chanteiro para desconectar o máximo posible para coller folgos para afrontar o remate de curso. Non quixemos, pois, saber nada do desenvolvemento electoral ata a noite, xa reinstalados. E aí mesturáronse as alegrías coas penas. Un, sendo quen é, non pode menos que botar foguetes porque na comarca se abrisen moitas portas que poidan permitir que o PP abandone tantos recintos cos que nos tiña afogados: Ferrol, Fene, Neda, Cedeira, Ortigueira, Moeche, Pontedeume, Cabanas. E, como non, a Deputación provincial, a cova principal das cacicadas e as compravendas. E compre outra sesión fogueteira para celebrar que para nada non se cumpriron os augurios que anunciaban a defunción de Esquerda Unida. Ó meu entender, os resultados en Mugardos, Fene, Narón ou Ferrol –coligados con Anova– non din tal. A grande pena contemplar as imaxes dun solitario Paco Frutos poñendo a cara e a dignidade toda cando e onde a hai que poñer.
