Despois da desfeita
Non sei de que se estrañan as ínclitas figuras do goberno e da oposición, eses cranios privilexiados que dixo alguén, elas e eles, eses e esas que desgobernaron o país durante os últimos anos. É que non sabían que a resposta nas urnas estaba máis que anunciada? Aquí, dalgún xeito, pódese aplicar un vello aforismo que di, “manos que no dais, que esperais?”. O resultado aí o temos, unha desfeita.
Tócalles agora facer unha profunda reflexión, esquecer as prepotencias e as soberbias e renovarse substituíndo as vellas e rancias glorias que nos levaron á desfeita actual por xente nova e ben preparada que, en moitos casos, esmorece no paro ou no subemprego.
O goberno dun país é asunto demasiado serio para deixalo nas mans dos políticos, de indocumentados, de mentireiros, de corruptos, de prepotentes e de soberbios. Tampouco se pode gobernar con esta dicotomía goberno/oposición, todos contra un e un contra todos. Hai que esquecer dunha vez por todas as herdanzas do pasado e ese xeito de gobernar pensando soamente nas urnas e no que manda o partido.
Precisan uns e outros moita cortesía parlamentaria da que xa teño falado aquí. A oposición non é o inimigo a combater e viceversa, tampouco o é o goberno con respecto á oposición. Entendemento cordial é o que fai falta, o que hai que exixirlles a ámbolos dous. Tanto o goberno como á oposición teñen, unha obriga común que é dirixir todos os seus esforzos a mellorar a vida dos cidadáns que os elixiron.
Admítese e ata é necesaria a diversidade de opinións, a confrontación de ideas, que eso é gobernar, pero sempre dentro dos límites que impón a educación, a parlamentaria e a cívica que ven a ser a mesma cousa, sen perder de vista o fin último que debe ser o prestixio do país e por ende a felicidade da súa xente.
Por que entón o congreso, que debería ser o templo da razón e da cordialidade se converte a miúdo nese vergoñoso espectáculo ao que nos teñen afeitos e fartos? O debate intelixente e construtivo non existe, só un cruce de acusacións que non leva a ningunha parte, onde se poñen de manifesto os malos modos e a falta de comunicación entre os chamados pais da patria.
A corrupción, esa lacra que nos invade e afoga é unha das principais causas da desfeita. Estamos rodeados de corrupción en tódolos eidos. Guerra sen cuartel, aos corruptos, caia quen caia que todos somos iguais ante a lei..., disque. Cárcere sen contemplacións e sen esas fianzas pagadas cos cartos roubados, e a devolver ata o último céntimo.
Nun país como o noso onde tanta xente tenta vivir do conto, onde se ten a gala non dar un pau na auga, onde aínda se pensa que o traballo é unha maldición bíblica, hai que fomentar na xuventude, mesmo dende a nenez, a idea contraria de que o traballo é unha obrigación social que dignifica ao home.
Xa é tempo de que sobresaian e medren os mellor preparados, de que desaparezan as recomendacións, o nepotismo e os fillos de papá, de que cada un reciba o que merece pola súa capacidade, polo seu traballo e polos resultados acadados co seu esforzo. Tamén de darlle aos títulos o valor que teñen que é moito, pero que non poden ser un seguro de vida. Son só unha ferramenta. O verdadeiro coñecemento e a experiencia só a dan os anos de traballo ben feito. Ollo coa “titulitis”, que non é ouro todo o que reloce.
Por riba destas consideracións, señores da política, do goberno e da oposición, un pouco de humildade, unha boa dose de humanidade, un moito sentido da xustiza e sobre todo moreas de sentido común, ese que din que é o menos común dos sentidos. Pensen que foron elixidos para se por voluntariamente ao servizo dos cidadáns e non para outras actividades tan lucrativas como ilícitas que nos levaron ao punto onde estamos.
Recapitulando para rematar, velaí van uns consellos de Juan Pueblo a goberno e oposición de cara as vindeiras eleccións: Esquezan gobernar ou facer oposición pensando soamente nas urnas.
Abonda xa de falar da herdanza de gobernos pretéritos, que iso é auga pasada e a estas alturas, xa non serve como desculpa para tapar os erros propios. Desfagan o nó gordiano de todos contra o goberno e o goberno contra todos no que estamos instalados.
Tolerancia cero coa corrupción e castigo exemplar aos corruptos como xa deixamos dito máis arriba.
Moito coidado con esa andrómena do goberno paritario de homes e mulleres que, é posible que acade moitos votos, pero que constitúe unha trampa que condiciona moi negativamente a súa composición. Que gobernen os mellores, sexan mulleres ou homes, pero sen outros condicionantes que non conducen a ningures.
A meta sobranceira do novo goberno ten que ser, por riba de calquera outra consideración, acabar co paro, ao prezo que sexa. O problema, que non e doado, precisa dunha solución urxente porque canto máis tempo pase, máis difícil será atoparlle remedio á desfeita actual.
Eu reclamo dende aquí un emprego digno para todos, sen esquecer aos nosos rapaces e rapazas, sen dúbida os mellor preparados da historia que, cos seus flamantes títulos académicos como todo equipaxe, teñen que emigrar a outros países, onde adoecen en moitos casos traballando como camareiros, mentres aquí na súa terra, teño que dicilo unha vez máis, se importan, se mercan por cantidades indecentes de cartos e se idolatran ata o esperpento, os futboleiros máis caros do mundo
Ante o “totúm revolútum” que trouxeron as últimas eleccións, remato con este último consello para todo o electorado: Despois de escoitar a uns e a outros, reflexionen ben o día da reflexión, separen o gran da palla, non se deixen engaiolar por cantos de serea e sobre todo pensen en aquelo que dixo un filósofo nun intre menos transcendente, “os experimentos con gasosa”. Non vaia ser o demo que logo lles pase como ao fillo do Roxo de Cambás, que xa llo dicía o seu pai,”has tirar da orella e non ha sangrar”.
Desta volta saíume un apunte ben longo, abofé que a cousa non é para menos. Nosa Señora do Carme, que nos dé lo vento en popa...boa falta nos fai.
