Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

PALABRAS-LINGUA-CULTURA

Ensino e cultura
son base e cúspide da pirámide
no progreso dun país.
 (Agarimosamente a todo o profesorado e alumnado do Colexio San Isidro de Neda)

Dicía un meu veciño de Barallobre (terra na que nacín e amo) bo carpinteiro de ribeira e facedor de canto inxenio lle propuxeran, que a ferramenta que non se usara acotío había que tela ben afiada e engraxada, endenón acabaría sendo inútil, inservible para calquera función especial.
Que razón tiña o señor Constantino. O que non se usa enferruxa. Poida que xa pase con moitas palabras da nosa lingua que ao deixarmos de utilizar vanse difuminando e ao longo do tempo desaparecerán da escrita e da fala.
Que mágoa que desaparezan tan antigas e fermosas palabras que moitos galegos deron de baixa no seu falar. Mágoa que non defendamos a nosa Lingua Nai, que coma a tódalas nais temos a obriga de amar e defender.
Agrúo (aturuxo). Amadoiro (feitizo de amor). Anainar (con cariño de nai, namorar con palabras melosas). A cachapernas (a cabaliño). Degoxo (antollo). Endenón (do contrario). Peteiro (pico das aves). Miñas donas e meus cabaleiros / cantarela / troula / faltriqueira / lumieira / saudade / namoro / donosura / enguedellos / dorna / garimosa / lanzal / verba.
Fermosas palabras en perigo dunha lingua que moitos políticos que a deberan defender non o fan, cando o que deberan facer é unha política real de revalorización nas escolas e nas institucións públicas.
Máis coma a van defender se nin sequera a falan, salvo o 17 de maio. Como a van defender se sinten vergoña dela. Como a van defender se non a aman? Vergoña deberan sentir, eles e nós pobo, por consentir  que a nosa lingua galega sexa forasteira na súa propia terra.
Fermosas, agarimosas, palabras as dos 53 homenaxeados co gallo das Letras Galegas. Dende Rosalía de Castro (1963) ata Xosé Filgueira Valverde (2015) e de tantos galegofalantes que a defenderon dende fai moitos anos.
Recordemos a Alfonso X (O Rei Sabio) e aos trobeiros, poetas e segreles que destacaron na lírica medieval galaico–portuguesa, e a tantos e tantas máis que sen homenaxe polo Día das Letras, foron grandes protectores da Lingua e da Patria Galega.
Divinas palabras na voz e na poética de XoséMaría Pérez Parallé, que ulen a rosas e saben a figos de malva. El, o segrel de Sandulfe, amigo que foi de X.Filgueira Valverde e promotor do Día das Letras Galegas dende o Círculo Mercantil de Fene.
El, que se autonominaba “segrel mariñán” e que foi chamado por D. Ramón Otero Pedrayo “Poeta Azul de Ferrol”.
El, autor dos libros de poemas Mariñanas, Non falarei, non, Cartafol  da saudade e Dorna romeira. Nomeado Fillo de Canido, Fillo predilecto do concello de Ferrol, con numerosos galardóns e premios poéticos tanto en Galicia como no resto de España e no estranxeiro. Tamén Socio de Honor de moitas entidades culturais e asociativas da comarca ferrolá.
Autor dun dos máis coñecidos “Exconxuros da queimada”, de infinidade de letras para musicar e varias obras de teatro. Que no monumento ao Camiñante Descoñecido de Barallobre ten adxudicado un banco que leva o seu nome ao igual que outros escritores galegos, como Rosalía de Castro, Pondal, Curros, Otero Pedrayo, Castelao… e que trala súa morte o día 1 de novembro do 1987 o mesmo Círculo Mercantil creou o Premio de Poesía Certamen Nacional XoséMaría Pérez Parallé.
El, don XoséMaría, maestro, que nos deixou, á parte dunha gran colección de poemas, a súa bonomía, a súa amabilidade, o seu saber, a súa humanidade, a súa amizade e en especial a reiterada recomendación do respecto a todas as persoas.
O doutor Filgueira Valverde homenaxeado este ano, foi bo amigo de don XoséMaría e quen lle prologou o libro Cartafol de saudade, entre outras cousas dicía: Pérez Parallé é un vello amigo dos tempos universitarios de Compostela, atopámonos moitas vegadas no Seminario de Estudos; tamén colaborei na revista “Abrente” que el alí fundou… Leal a Lingua Galega e á liña estética que nela escollera, espalla no verso a emoción inxel da natureza…
Don Avelino Abuín de Tembra deixa dito de Pérez Parallé, entre outras cousas, que constituía un episodio insólito nas letras e na cultura do país… era como un río de seiva viva, como un lanzal poeta que no corazón portaba arbotantes góticos.
Aínda que na Casa Grande da RAG, na que adoban e enfornan o pan elexido esqueceran ao Poeta Azul de Ferrol, vaia neste artigo o meu humilde e ben merecido homenaxe.  Pasou o Día das Letras Galegas, os políticos cumpliron co seu “paripé”. Canta indefensión e aldraxe sofre en propio berce a lingua de Galicia!!