Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A palabra entre concertos

A música vén falando da man da Sociedade Filarmónica a través dos concertos  que ten programados na tempada, dos que xa van máis de cincocentos, e iso di moito do interese e da boa acollida que os afeccionados outorgan a estas actividades musicais. Pero a cousa non se detén aí e cando por necesidades de programación  aparece un oco no calendario, tratan de enchelo coa palabra, coa palabra que fala da música e que nos achega a ela. E isto é o que pasou o xoves no salón de actos do edificio do antigo Hospicio, onde a Sociedade Filarmónica ten a súa sede, coa maxistral conferencia impartida polo catedrático emérito na especialidade de literatura española da Universidade de Santiago José Manuel González Herrán  que nos falou de Dona Emilia Pardo Bazán  e a paixón que a condesa das Torres de Meirás  sentía pola música de Wagner en xeral e polas súas óperas en particular.
 Dona Emila foi sen dúbida unha muller avanzada  na súa época, pois  o papel da muller non encaixaba co estereotipo que representaba a marquesa aristócrata; posiblemente a mellor novelista do século XIX que chegou a sentir unha verdadeira devoción pola música de Richard Wagner, o músico alemán que conseguiu reunir na súa obra a denominada “obra de arte total”, pois abarcou a poesía, a prosa e a música, ademais de asumir o libreto das súas óperas e a escenografía. Quizais fose por iso, por abarcar o todo polo todo e polo esixente perfeccionismo que a caracterizaba, que admirou tanto a este músico de carácter forte como ela, controvertido e radical nas súas opinións sobre música e política con algunha obra na que sacou a relucir certo antisemitismo o que lle fixo merecer a nada disimulada simpatía que lle dispensou Adolf Hitler. Pero malia todo iso- o artista como ser humano é as veces o esterco que  fai agromar una obra marabillosa-era un talento como compositor chegando a obter nas súas composicións un cromatismo na orquestra dificilmente igualado. 
González Herrán é quizais un dos especialistas que máis saben de Emilia Pardo Bazán e xa que logo a persoa adecuada para levarnos pola senda das apetencias estilísticas da condesa no que a música se refire, e conseguiuno ilustrando a súa docta disertación coa lectura de fermosos parágrafos onde a escritora  deixa patente o seu estilismo literario cheo de delicada sensibilidade. En moitas das obras da inxente produción literaria de Emilia Pardo Bazán hai referencias cara á música e valoracións respecto do que a música lle ten proporcionado animicamente.
No século XIX a música clásica en xeral e a ópera en particular eran consumibles de clase privilexiada e a Pardo Bazán formaba parte desa elite, así que non tiña problema para acceder ao teatro e escoitala  in siitu , aínda que por unha tempada, logo de falecer o seu esposo có que non vivía desde facía trinta anos, ponse de loito e iso significaba non ir ao teatro, así que oía a ópera, asómbrense, por teléfono. Todo isto, e algunhas cousas máis  nolas contou González Herrán e aos asistentes á conferencia que abarrotaban a sala, o tempo pareceulles pouco, pero haberá máis e seguro que se repetirá o éxito. A fórmula é boa: as frases musicais do discurso harmónico do pentagrama , dan paso provisionalmente á música das palabras. Seguro que este modelo discursivo sería do agrado de dona Emilia Pardo Bazán. Abofé.