COMUNICACIÓN ELECTRÓNICA
Que estamos na era das redes sociais é algo irrefutábel. Outra cousa é se estas arañeiras electrónicas favorecen ou prexudican as relacións sociais. Sobre isto debatiron en galego, con argumentos sólidos e alta capacidade oratoria, equipos de alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Saturnino Montojo e CPR Compañía de María, e de 1º de Bacharelato do IES Leixa. Unha boa ocasión para coñecermos de primeira man as opinións dos nosos adolescentes, a favor (son instrumentos de socialización, axudan no campo laboral e educativo, favorecen as accións solidarias, melloran a comunicación con persoas discapacitadas, son fundamentais para situacións de emerxencia…), e en contra (ocupan un lugar excesivo nas nosas vidas, afastamento da vida real, relacións virtuais, crean adicións e ansiedade, provocan unha fenda xeracional, perda de privacidade, os problemas do ciberacoso…).Estiveron estupendos!
