Absolutamente vulnerables
Avulnerabilidade é consustancial á condición humana. Aprendemos moi cedo que somos limitados e que o dos superheroes e os superpoderes queda reducido ás campañas electorais. Como dín no Salnés: caenme os dentes de sabelo. Pero hai días e feitos que inisisten en traelo a un primeiro plano. Tanto, que deberíamos telo grabado no frontispicio das nosas vidas e non esquecelo cando cheguen ¿? tempos mellores.
O vento das valoracións económicas, as primas de risco e as posicións de Alemania na economía e nas medidas a aplicar marcan as gráficas en dentes de serra da nosa fortaleza ou debilidade. Nos últimos tempos, temos unicamente a debilidade como divisa. Calquera outra consideración só é Rajoy en rolda de prensa vendendo motos que logo eran outra cousa. Un célebre aforismo dicía que non hai situación, por mala que esta sexa, que non poida empeorar. E xustamento iso é o que ocorre. Voltamos ao pasado a pasos axigantados. E cando pensabamos que xa rematara o impacto, algún novo anuncio de Rajoy volve a dar un novo pulo a ese retorno temerario.
Xa non hai Estado do Benestar. Os dereitos acadados despois de longos anos de loitas sociais esmorecen. O Estado como garantía é unha entelequia do pasado. Aos fillos dos parados que van a estudiar a Europa, Sanidade non lle concede a tarxeta sanitaria europea. Xa temos colectivos sen dereito á atención médica. Os débiles son xa máis débiles e medra a vulnerabilidade en moitos colectivos. Eramos ricos con pés de barro. As axencias de calificación teñen máis predicamento que o Vaticano. Seguimos sendo Sur: económico, xeográfico e político. Acertou Benedetti.
