Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Entre as cinco ducias de poemas que conforman o Longa noite de pedra (1962) –infelizmente, como acontece con tantas boas obras, máis citado que realmente lido– atopamos o que Celso Emilio Ferreiro titulou Goethe, que, nos tempos que corren, creo que ven a conto e que é importante telo na cabeza para relembrar de cando en cando: Aquil señor burgués condecorado,/usía ou excelencia ben cebado,/que ronca con pracer na noite longa/e ten muller feliz, de teta oblonga,/con dous fillos petisos, deportistas,/un poco libertinos e “juerguistas”,/idiotas pola nai, polo pai, grosos;/pondo dentes de can que venta os osos,/ponse a rosmar e morde:/“Eu prefiro a inxusticia ao desorde”. Tense dito, seguramente con razón de abondo, que determinados poemas galegos non terían acadado a mesma sona de non seren difundidos tamén como cancións. Goethe é un deles. Fronte ó que foi habitual no movemento da Nova Canción Galega, que os cantautores musicasen versos de diferentes poetas, de xeito especial de Celso Emilio, Vicente Araguas dedicouse a poñerlle música a letras de seu. Eu non diría exactamente poemas, porque a súa poesía, con exemplos valiosos, só coñecería a letra impresa, ou en todo caso a dicción, e certo tempo despois. Que eu saiba, que o sei, só arranxou para cantar dous textos non propios: “Os corpos”, de Alfredo Conde –hoxe esquecido como poeta, penso–, que incluíu no seu primeiro extended play e máis o “Goethe” de que estamos a falar, que cantou moitas veces mais que nunca gravou. No ano 1976,  coa música tal cal do Araguas, gravaríao e levaríao a un vinilo editado en Francia, Galicia, Xerardo Moscoso. E ese mesmo ano 76, tamén se puido escoitar no long play Tí, Galiza de Miro Casabella. Esta gravación ten uns arranxos que, cando menos a min, non me recordan o tema que moitas veces teño escoitado cantar e mesmo cantado, cando tiña as cordas vocais a pleno rendemento. Aínda que semella evidente que a música é a mesma está tan maqueada que haberá quen pense que se trata doutra versión do Goethe. Mais este “controvertido” tema non é obxecto destas liñas e pode quedar para outra ocasión, previa consulta ós amigos musicalizadores, naturalmente. O poema do poeta celanovés, como a canción, finaliza, como sabemos e acabamos de ler, co verso “Eu prefiro a inxusticia ao desorde”, frase que, así sen máis, se adoita poñer en boca de Johann Wolfgang von Goethe, o célebre romántico alemán que dá título ó poema. Nesa corrente de atribución está Celso Emilio. Mais parece que a cousa non é tan así, que a frase que no seu día pronunciou Goethe non tiña este carácter global con que a utilizamos hoxe, senón que se refería a un contexto moi determinado e que ademais foi un chisco diferente “prefiro cometer unha injustiza antes que soportar a desorde”. Goethe non dicía que preferise calquera orde a calquera inxustiza. Mais entre nós, no mundo en que nos movemos, está clarísimo que hai determinada xente que está máis por cometer ou tolerar as maiores inxustizas que por permitir calquera desorde, por ínfimo que este puidese ser. Inclusive cando a suposta desorde poida ter a súa orixe nunha flagrante inxustiza, sexa unha consecuencia dela. Mais que podemos agardar se día si día tamén vemos como se producen casos de tremendas inxustizas, as máis delas amparadas e defendidas por leis á vez inxustas, con represión de todo tipo incluída? A garantía da suposta orde está por riba do que algúns poidan entender como desorde. E por iso a uns cantos lles urxen leis máis represivas que poñan a salvo –como si xa non o estiveran– as súas cada día máis inxustas tranquilidades. Os seus cativos benestares a costa do sofremento dos máis. E mentres tanto asistimos a casos insólitos que se pretenden ocultar para os esquecer. Que pasou coa fuxida após dun accidente dun fillo do ministro de Xustiza, que, por toda explicación,  manifestou que as cousas de familia se tratan en familia? E que co incidente similar protagonizado pola exministra Esperanza Aguirre? Non estamos  perante  dous casos graves de desorde? Pois nestes asuntos da gran familia gobernante todo apunta a que claramente se prefiren a inxustiza e a desorde. As leis para outros. É ou non é?