Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

ESCULTURA A PÉ DE RÚA EN FERROL

Xa pasou a época daquelas estatuas grandilocuentes e de gran tamaño, colocadas nas prazas públicas sobre altos pedestais de granito, afastando deste xeito aos personaxes así representados do común dos mortais. O que hoxe se está a levar en moitas cidades é representar aos persoeiros famosos a ras de solo e de tamaño natural, como si se tratara dun veciño máis que podes atopar na rúa.  
Diversas urbes galegas como Pontevedra e Lugo, ademais doutras do resto do Estado como Madrid, Oviedo e Salamanca, por citar algunhas cidades, están a seguir esta corrente e deste xeito levan tempo adobiando os seus espazos públicos con esculturas metálicas ou de pedra, colocadas directamente no chan, sen pedestais, representando a coñecidos persoeiros do cine, da literatura ou da música, mesmo personaxes locais.
Velaí como Ferrol, unha vez esgotado o espazo dispoñible nas rotondas ata de agora adobiadas cunha serie de esculturas modernas, a cal máis delirante, pretende engadirse a esta nova sorte de adobío dos espazos urbanos, anunciándose o erguemento de estatuas dunha serie de persoeiros que van desde o enxeñeiro conquense Julián Sánchez Bort ao arquitecto vigués Rodolfo Ucha, pasando polo pianista ferrolá coñecido por Pepito Arriola, así ata un listado de oito nomes, todos eles masculinos. Por que non poñen tamén a Gurméndez, Casares, San Rosendo e outros persoeiros tan influentes e importantes na vida desta cidade?     
Coñeradas aparte, coido que xa é hora de que algunha muller forme parte desta lista e doutras que se poidan formar sobre persoas ilustres nacidas en Ferrol. Por decontado que este listado ten que vir encabezado por Concepción Arenal Ponte, escritora, penalista e pioneira do movemento feminista, unha das persoas máis coñecidas e influentes na Galicia, e mesmo na España, do século XIX.   
Son moitas as mulleres de sona que naceron e mesmo viviron e traballaron en Ferrol. Durante o pasado século, no campo do ensino Ángela Ruiz Robles, exerceu un importante labor no eido educativo como mestra da escola parroquial de Mandiá, directora da Escola de Nenas do Hospicio de Ferrol e como profesora do Instituto Ibáñez Martín, mentres que a bióloga Ángeles Alvariño acadou recoñecemento internacional nos campos da Bioloxía Marítima e da Oceanografía.
No barrio de Esteiro naceu a mediados do século XIX Carolina Casanova Rodríguez, famosa cantante de ópera de gran talento musical que triunfou nos principais teatros en Europa e en América, hoxe relegada ao esquecemento da súa cidade. Pola contra temos a Aurora Rodríguez Carballeira, tía do coñecido Pepito Arriola, unha ferrolá que adquiriu triste sona en toda España polo tráxico final que inflixiu a súa filla Hildegard, unha precoz e superdotada muller.  
Así mesmo pódense mencionar personaxes históricos como Juana Díaz de Lemos, que o século XVI fundou na rúa Espíritu Santo de Ferrol Vello o primeiro hospital ferrolá, que tamén era o centro de atención aos peregrinos que viñan pola mar. Igualmente Josefa Cayetano Pardo de Moscoso, Señora de Baltar y Marquesa consorte de San Sadurniño, dama de vida galante, mecenas dos viaxeiros ilustrados que a mediados do século XVIII visitaron Ferrol e inspiradora do poema que o Cura de Fruime dedicou ao Estaleiro Real de Esteyro.
No paseo da Alameda de Santiago de Galicia atópase unha das máis simpáticas esculturas polícromas de tamaño natural que eu coñezo: a parella das famosas Marías, unha obra que representa a dúas irmás que durante moitos anos percorreron as rúas compostelás. Así mesmo, fronte á igrexa de San Xosé de Ares, pódese ver a escultura de Hermelinda, a figura dunha señora que lembran moitos veciños da vila. Neste eido, quizais sexa o momento de reivindicar para as rúas de Ferrol a persoeiras tan ferrolás como Maruxiña, Taconatá, Maruja Racú ou a Champana.
jjburgoa@hotmail.com