Adeus 2012
Hoxe remata o ano. Que vaia o demo zoupando con el, porque foi bastante malo, pero como nunca choveu que non escampara, a ver se o 2013 é un pouco mellor. Aínda que non sei, non sei, porque din que outro virá que bo o fará.
A min non me estrañaría, porque esta chuvieira non ten viso de que vaia parar axiña. En calquera caso, seguiremos “vivindo como galegos”, é dicir, aturando todo o que nos boten como fixemos sempre.
O caso é que haxa saúde. Agora ímola necesitar máis que nunca, porque poñerse enfermo vai ser un luxo que non poderá atinxir calquera. E porque a lotería non caerá, pero reconversións, peches, recortes, paro e o que sexa, diso non ha faltar. Porque sempre chove sobre mollado e porque a can fraco todo son pulgas.
Din que sarna con gusto non pica e que cada un ten o que merece. Eu non sei, pero de todos xeitos, teñamos moito ánimo, porque non hai mal que cen anos dure. (Nin corpo que os resista, claro).
