Gaivota
Levo escribindo case dezaséis anos tódalas semanas neste recuncho do Diario de Ferrol que chamei Miradas Poliédricas, así que logo de tanto tempo é fácil que nalgún momento puidese caer nalgunha reiteración coma pode ser neste caso da gaivota, un ave que ten as súas peculiaridades consideradas por algúns suficientemente importantes coma para figurar no logotipo dun partido político, como é o caso do PP. E todo ten o seu por que, malia que neste caso eu non chego a descifrar a causa de que o PP estea ao abeiro das as da gaivota. Por iso estoulle a dar voltas ao tema. A gaivota é un ave que posúe certa altivez porque se considera un paxaro elegante e eu non serei quen o poña en dúbida. Será que o PP elixiu a gaivota pola súa arrogancia? Por outra banda a gaivota é un tanto egoísta; non hai máis que observala no seu comportamento cando se trata de subtraer a comida a outra conxénere que chegou denantes á festa; pelexa ata que o roubo se executa. Será que o PP elixiu a gaivota porque é ególatra e interesada? A gaivota ten certa connotación de depredadora: un día observei como unha atacaba e fuxía cunha pomba ferida ata un tellado onde dou boa conta dela. Será que o PP elixiu a gaivota pola súa condición depredatoria? A gaivota camiña con certo aire de altivez: é un ave sen dúbida presumida. Será que o PP elixiu á gaivota porque é presuntuosa, porque camiña con certa chulería? Reparade como deambula o presidente Rajoy batendo os brazos case ata elevalos ao ombro. A gaivota co tempo foi cambiando de hábitat: pasou do mar e dos cantís a aniñar nos tellados das vilas e cidades, incluso do interior, competindo con outras aves polo territorio. Será que o PP elixiu á gaivota polo seu afán conquistador, por meterse onde non lle chaman? A gaivota é un ave que caga moito, polo menos os seus excrementos son ostentosos. Ben estaba se so cagara no mar pero non, fai os seus mandados onde lle cadra sobre todo enriba dos nosos coches onde deposita unhas dexeccións brancas e corrosivas difíciles de eliminar, pero tamén defeca sobre as persoas; hai días cagou sobre meu neto, o probe. Será que o PP elixiu á gaivota porque caga moito? Home, ningún partido está exento de cagala algunha vez, pero o PP cometeu moitas cagadas, algunhas delas ben corrosivas para os intereses da cidadanía. Non é que me importe moito, pero estiven pendente de Rajoy para anunciar os cambios prometidos, e digo que non me importa moito porque intúo que cambiar o que se di cambiar non vai cambiar nada. Un bo anuncio sería eliminar a gaivota do seu logotipo e substituíla por outro animaliño con as ou sen elas, máis agarimoso, que transmitira tenrura... Tamén podería cambiar a sintonía musical das campañas electorais. Levan anos coa mesma melodía e creo que por aí o compositor gañou unha pasta cos dereitos de autor pero o PP perdeu electores. A mesma recomendación para o PSOE tamén. Pois miren por onde eses si que serían cambios importantes para o PP e non quitar a un ministro da poltrona e pasalo a outra encomenda gobernamental. Namentres Rajoy non decide estas cousas, os ministros e aspirantes a selo andan como as gaivotas, a empurróns para coller os mellores bocados neoliberais e despois regurxitalos sobre a cidadanía. O mesmiño que fan as gaivotas coas crías nos seus niños. Polo ceo azul do meu pobo están a voar arestora moitas gaivotas fachendosas, depredadoras e cagonas porque por aquí as que non corren, voan. O mesmiño que as persoas.
