Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Nestes días que comeza o bo tempo e a xente ten máis gañas de vivir, de esquecerse da prima de risco, das preferentes, de Bankia, da suba do IVE, das taxas directas en indirectas, das palabras de De Guindos e da exención do canon dos pozos artesanais, entre outro males que azoutan a vida diaria galaica, un bo entretemento é ir ás praias, aos baños a tomar os primeiros raios de sol, a sintetizar vitaminas e a facer algo de deporte. Esta é unha actividade económica, barata e de austeridade: unha toalla e un fato de baño serven para pasar un día de baixo consumo e de aforro persoal ou familiar.

Como acontece cos montes, que nin se limpan en inverno nin en verán para que ardan ben, os areais galaicos tampouco sofren o paso de vasoira durante a época das chuvias e só se recollen das ribeiras os cetáceos que arriban e que son avistados por algún paseante pasados uns días de descomposición. Do resto, palmeiras chegadas do Caribe, frigoríficos, pneumáticos, lavadoras, restos de naufraxios ou até carcasas de computadores conviven en perfecta harmonía coas deposicións de cabalos, restos de botellóns e algas.

Os concellos con praia pasaron da abundancia urbanística á indixencia das arcas públicas. Algúns destas autarquías aínda non activaron a tempada turística se saber moi ben o motivo a non ser que funcionen en plan grande almacén. Claro que pedir intelixencia a un alcalde é algo difícil e máis cando responde que non ten diñeiro para pagar aos limpadores e agrega que aínda non vai bo tempo. Parece claro que estes rexedores descoñecen que por estas terras galaicas o tempo é moi cambiante e que tanto se enchen as praias en xuño como quedan desertas quince días en agosto polas baixas temperaturas.

Se é que o turismo por aquí aínda anda en lenzos de bebé e desde calquera organismo público, xa sexa local, autonómico, provincial ou ente constituído non agardan máis que pola estatística oficial que aparece alá por setembro aireando que se creceron catro décimas ou tres puntos con respecto ao ano anterior. Non sei eu de onde saen tales números de éxito cando a pouco que se fale co empresariado do sector turístico, maioritariamente taberneiros autónomos, lamentan que o concello gobernante na súa área de influencia non faga nada por limpar as praias ou simplemente ordenar o tránsito e aparcamento de coches.

O problema parece ser de diñeiro, pero curiosamente estes concellos que case están en quebra técnica nos meses de verán gozan de boa saúde económica para a contratación indiscriminada de asesores en tempada invernal. Nunca entendín que haxa máis persoal nas oficinas municipais, refrescándose co ar condicionado ou quentándose coa calefacción, que traballadores locais uniformados polas rúas. E despois din que non teñen diñeiro para un punto de luz, e que debía de vir Goldman Sachs a auditar os entes locais así quedarían máis tranquilos.