Decepción?
Por que están “decepcionados” o noso alcalde e conselleiro de Economía e Industria? Acaso porque a cidadanía, en xeral, que acreditou nos compromisos do PP con Ferrol e comarca olla, frustrada, que foi enganada? Tal vez porque a maioría absoluta do PP en todas as institucións reflicte o escaso peso político dos dirixentes ferroláns e galegos?
Non procuren alén das súas responsabilidades o fracaso dunha xestión política que nos deixa ao pairo da traxedia da que foron protagonistas, acto a acto, nos derradeiros 30 anos. Agora só lles fica un “vector” para acreditar no seu ferrolanismo: expresar, á sociedade en xeral, e ao seu partido, en particular, que de non cumpriren os compromisos presentará(n) a súa demisión. E logo apoiar as mobilizacións a prol do sector naval con iniciativas unitarias parlamentares dos deputados galegos en Madrid e Bruxelas.
Velaí un camiño. Serán quen de facelo?
