Refrescando a memoria para axir
Vivimos, desde hai máis de trinta anos, un proceso premeditado de desmantelamento do sector naval, en particular o público, cunha máis específica e grave afectación a Galiza. Este proceso deriva dun deseño elaborado conxuntamente pola UE e os sucesivos Gobernos de España para, a través dunha reestruturación permanente, reducir a capacidade produtiva dos estaleiros e ilos conducindo ao nicho da construción naval militar.
O proceso tivo un intre, que implicou unha mudanza cualtitativa, cando a cambio do Estado español proceder a unha reestruturación do sector, se prohibiu Astano construír buques mercantes e mais adiante artefactos Off-shore con forma de buque, eliminando 135.000 TRBC e as súas dúas gradas de construción. Xustificouse a cambio dun conxunto de axudas esmola para o conxunto da construción naval española, que non compensaban, nin de lonxe, os efectos perversos da redución da capacidade de producir e de emprego verificada. Contemplada a prohibición por dez anos, a partir de 1987, podía facerse a reclamación do regreso á construción naval, en atención a determinadas circunstancias, aos cinco anos de vixencia, en 1992.
Non só non se fixo isto, senón que, pola contra, en 1995 o Goberno español presentou un “novo” plano de reestruturación, o chamado PEC , dous anos antes de que rematase o prazo dos dez anos (1987-1997), ratificando a prohibición por dez anos máis (2007). Porén, dous anos antes de 2007, en 2005, preséntase outro “novo” plan de reestruturación que alonga a prohibición ao ano 2015. Dadas as actuais circunstancias de carencia de carga de traballo e situación económico-financeira, dados os compromisos do Estado español coa UE a respecto deste sector, e de continuar na reiteración da senda histórica sucintamente relatada, agora, uns dous anos antes de 2015, é esperábel a presentación dun “novo” plano de reestruturación (o último?), prorrogando a desbotada recuperación da capacidade perdida no sector civil e esquecendo a posibilidade da factoría de Fene, hoxe dentro do grupo Navantia, construír todo tipo de buques civís, como ao propio conxunto de Navantia.
Todas estas reestruturacións fixéronse previo un baleirado de gradas, a redución drástica do cadro de persoal e unha pretendida necesidade de devolución de axudas públicas por supostamente ilegais. Así se ratificou a prohibición sobre Astano en 2005, após a de 1995, co pretexto do entón grupo Izar non ter que devolver as axudas que o mesmo Estado español lle tiña concedido, e das que Astano non era destinatario, alén de non construír entón xa buques mercantes. Nunca houbo axudas da UE e moito menos, multas!!.
Segundo os acordos de 2005, Estado Español-UE, a actual Navantia xurdiu precisamente como grupo de construción militar que só podería construír no sector civil un 20% do total que construíse no milita. No caso das novas construcións, o Goberno español concedeu este segmento de mercado a Puerto Real, excluíndo a Ría de Ferrol. A redución de capacidade e de cadros de persoal, a reestruturación, sempre se fixo a favor de Andalucía. Se primeiro se enfrontou Astano con Puerto Real, desaparecendo o estaleiro de Fene, agora vaise facer o enfrontamento Navantia-Ría de Ferrol con Navantia-Ría de Cádiz. O deseño contempla o triunfo de Puerto Real novamente: un estaleiro para a construción naval militar e civil, de grandes dimensións, con moitas rixideces, e, desde sempre, con parámetros económicos, financeiros e produtivos, máis negativos en comparanza cos estaleiros da Ría de Ferrol. Son, pois, sobre todo decisións políticas as que están provocando esta redistribución da actividade naval en contra de Ferrol e de Galiza. Os gobernos de España non queren dar a batalla por unha política industrial propia, que contemple este sector como vital .
O resultado é un funcionamento a cada paso peor de todos os estaleiros públicos, incapaces de saíren de perdas, paralizados, ausentes do mercado internacional de buques e con cadros de persoal, no caso de Ferrol, cada vez máis desequilibrados, o que dificulta calquera intento de resurrección futura, e cunhas consecuencias sociais e económicas catastróficas. Os traballadores das compañías auxiliares e as súas familias foron e son as súas primeiras vítimas.
A restrición de Navantia ao sector militar ten apoio interno na mentalidade do corpo directivo e laboral. Pénsase que así se está protexido da competitividade do mercado civil e se goza da protección dos orzamentos do Estado, alén de non estar sometido a normas e deseños da UE. O grave está en que esta aposta polo militar, moito máis na actualidade, non abonda para tres centros (Cartagena, Puerto Real e Ferrol), por moi especializados que estean, poderen subsistir. Vaise optar. A única alternativa, difícil pero estratexicamente acertada, desde todo punto de vista, é apostar por construír todo tipo de buques e artefactos, militares e civís.
