A MAZÁ
Os meus alumnos coñecen ben a miña teoría de que todo é culpa dunha mazá. En realidade non é miña, como todos sabemos, ensináronma de cativo. Andaba a parella orixinal felizmente pola terra entre mangos, plátanos e melóns, cando se viron tentados polo froito prohibido e dende aquela todo o facemos con dor e esforzo. Sempre pensei na mala idea de pór aquel vexetal en medio de tanto pracer, mágoa.
Agora, de novo, vémonos expulsados do paraíso. O noso pecado orixinal ten nomes abondo estranos: hipotecas, cretos e semellantes cos que nos agasalla a serpe-banca, pero que de maneira igual teñen un castigo case divino. Queriamos una casa, un coche ou un plasma máis grande e o “mal” teimou en que nós podíamos, non é para tanto, neso consiste o sistema.
Non hei ser eu quen xulgue a maior ou menor oportunidade dos nosos desexos, pois sobra xente encantada de facelo. O certo é que agora temos dobre ración de suor e neste val de bágoas que din é a vida abonda a penitencia en forma de concentración, manifestación ou folga tratando de recuperar un mínimo de dignidade. Pola miña parte sempre insisto aos meus pupilos na necesidade de seren ambiciosos. Estou lonxe de entender a vida, mais do que estou certo é do noso dereito a esixir a felicidade, a nosa e a dos demais. Como sempre, como en todo, tempo teremos de recibir a nosa ración de frustración, pero non nos rindamos antes de empezar a partida. A de mazá é a miña torta favorita.
