O sarcasmo da suba salarial
A campaña electoral en curso, polo barullo e confusión que está a producir nun ambiente de certo desconcerto e ritmo de baixa intensidade no interese xeral, por momentos semella esa procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños e rueiros do país; e dicir, iso que coñecemos pola Santa Compaña.
Para alén da discusión académica que se produce, nos estudos etnográficos, a respecto desta tradición do folclore galego de raíz relixiosa marcada pola crueldade dun desterro que condena a determinadas almas a vagar para sempre ao negarse para elas a entrada nalgún dos catro destinos que, no máis alá, agardan ser a morada eterna: Paraíso, inferno, purgatorio ou o limbo dos xustos.¿Pode existir cousa peor?.
Certo que si. O ritual concrétase nunha procesión que vai encabezada por persoa viva que porta unha cruz e un caldeiro con auga bendita; tras del van as ánimas con cirios acesos que ás veces resultan invisibles, mais sempre perceptibles polo cheiro a cera queimada e polo vento que se ergue ao seu paso. O portador da cruz non pode en ningún momento mirar para atrás nin dimitir da súa función de cabezaleiro do desfile. Só verá liberada a súa condena cando atope outra persoa polo camiño a quen cargar coa cruz e mailo caldeiro. Por iso é que a Compaña bota medo, é sinal de morte. Vén isto a conto da escasa transcendencia que tivo a sinatura do acordo previo, entre segundas figuras das patronais de empresarios, CEOE e Cepyme, e dos sindicatos estatais, CCOO e UGT, titulado Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva. Vai pola terceira edición e fixa unha vixencia temporal entre 2015 e 2017, ambos incluídos.
Unha xoia literaria, enténdase coa ironía debida, pola cesión de dereitos laborais en troques de fume, e dicir de nada que comprometa en serio aos empresarios. Todo o contrario, máis alá das simples “recomendacións” que contén, a dicir da patronal, en materias de igualdade, promoción, formación, vixilancia da saúde e outras cousiña para aparentar, no cerne do pacto hai unha involución indiscutible.
Véxase, se non, o feito de establecer unha suba máxima do 1 % nos salarios para o ano que está a correr e do 1, 5 % para o próximo. Nunca antes se vira unha cousa así, e dicir fixar o máximo. Sempre foi, como é de xustiza, unha referencia mínima. Sumemos flexibilidade horaria, mobilidade, temporalidade e outras. Mete medo.
