TROPA
En marzo fixo corenta anos que no encontro que enfrontaba o Athletic co Barça, no vello campo de San Mamés, un xogador do conxunto bilbaíno lle propinou un bo castañazo na cara ó ídolo, tal vez o maior desa altura, do fútbol mundial Johan Cruiff. Nunca me esqueceu aquel lance que vin en directo pola TV. Só catro partidos de sanción, malia non haber disputa da pelota polo medio. Pura violencia, pois. Este futbolista chamábase Angel María Villar, persoa que catorce anos despois acadou a presidencia da Real Federación Española de Fútbol. E aí segue, hai xa 26 anos, a pesar de presuntas irregularidades na xestión económica. Curiosamente, nada se soubo del o domingo, despois do asasinato dun seguidor do Deportivo. Nin o luns na reunión da comisión antiviolencia, nin onte no cumio para tomar decisións sobre o tema. No deportivo xa se ve. E no político, escoitado o escoitado, mellor calar. Iso si, o morto habelo hóuboo.
