Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Atópome polas terras do sur, e xa sabedes, porque volo teño dito nalgunha ocasión, que cando tiro cara ao sur o meu destino é Granada. E aquí estou atacado polas tórridas temperaturas que semella son propias destas latitudes nesta época do ano. Pero Granada sempre paga a pena en calquera circunstancia, incluso con eses 43ºC que marcaron onte os termómetros e que facían ca atmosfera fose case irrespirable para un norteño  acostumado á suavidade climática da nosa terra galega. Para aliviar estas situacións hai unha fórmula que non erra: seguir a norma que seguen os nativos, e dicir: andar na procura de non camiñar cando o sol apreta, transitar pola sombra e levar  sempre auga para evitar a deshidratación. Simplemente aplicación do sentido común. E así fixemos e facemos. Pero a miña filla di que o mellor cando atacan as altas temperaturas é fuxir da cidade cara a espazos máis altos e abertos onde o ar flue nidio facéndose máis respirable. E aquí por sorte está a man o bastión da Serra Nevada, outro mundo dentro diste onde subes e subes ata atopar outro clima. E alá fomos. Tiramos pola antiga estrada da serra camiño de Güejar Sierra sempre subindo con sinais á veira do camiño que recomendan non ir a máis de 20 Km/h por ser estrada perigosa, e un axiña decátase diso nada máis ollar a túa dereita e observar o precipicio, unhas paredes case verticais que forman o continente das augas do embalse de Canales. A estampa é impresionante e dende o alto aquilo pareceume a paisaxe das Ribeiras do Sil, sen cepas de sarmiento, pero moi semellante e con moita vexetación. A nosa intención era chegar á localidade de Maitena, deixar o coche e continuar a pe seguindo a ruta do antigo tranvía que funcionou ata o ano 74  rematando o seu servizo cando irrompeu a presenza masiva do automóbil e a nova estrada cun trazado que permite chegar sen dificultade case ata o Veleta. Ata entón o tranvía foi decisivo no trasporte de persoas e mercadorías por ises pobos da serra, cun traxecto de pouco máis de 20 Km a unha velocidade media de 10,2 Km/h. Aínda quedan en pe algunha das estacións convertidas en establecementos de hostalería e coma refuxio para camiñantes,como por exemplo a de Maitena one conflúen os ríos  Maitena e Genil. Alí deixamos o coche e decidimos continuar a pe uns quilómetros máis atravesando un par de túneles excavados a golpe de man e dinamita. A temperatura ambiente, co río á veira do camiño e a abundante vexetación, non semellaba ser a que na realidade era, o que propiciaba facer camiño sen grande esforzo. Era como se estivésemos camiñando polas Fragas do Eume, pero noutra dimensión. O día da excursión coicidía coas votacións para elixir secretario xeral do PSOE, así que cando chegamos a casa xa estaba todo decidido e resolto conforme ao previsto. Sánchez gañou arrasando aquí en Andalucía; por algo era o candidato preferido de Susana Díaz, pero gañou tamén notras comunidades nas eleccións máis democraticas de cantas houbo ata o de agora, así que ao feito... peito. Xa está consumado o relevo xeracional no PSOE en canto a súa secretaría xeral e ben está, pero o  cambio tamén habería que facelo extensivo ás ideas, á recuperación desa ideoloxía de esquerdas que caracterizou sempre ao socialismo histórico, e isto aínda está por ver. Hai nembargantes  unha cousa que me inquieta e é que o actual secretario xeral foi o candidato preferido de Francisco Marhuenda, director do diario “La Razón”. Por que será? Pero en fin, haberá que darlle tempo ao tempo para ver como se desenvolven as cousas. Hoxe parece que a temperatura dounos unha trégua. Temos pendente facer senderismo por riba dos dous mil metros. Se o chegamos a facer, xa lles contarei como foi a experiencia.