Desde o balcón
Novamente nas águas do Cantábrico! Acabo de me banhar no Cantábrico, exprimía no seu muro Foz en mensaxe cifrada para aqueles que se estaban asfixiando na Compostela que el tamén ama. E velaí que nos atopamos este sábado parolando no May Ros entre café e café que nos preparaba o Luís. Habaneras, arrecendo a sardiñada, brincadeiras de pícaros a se arrendear no Campo da Cabana, o Chulo e o Chícaro a competir en amabilidade..., rotina dun verán que se impón sobre o día a día que nos afoga; frescura das ondas a bater sobre os nosos corpos acougando os nosos temores.
E polo serán, desde o balcón, do Mañente que me acubilla, ollo no horizonte, sobre a Barra, unha espesa néboa agardando a que o abalo da maré enfíe polo Masma terra a dentro. Desde o balcón escoito a merla cantarlle ao solpor e o susurro da fonte do Souto a se deitar na poza abrigada entre as ramallas do salgueiro. Desde o balcón...
