ARRIMAR O OMBREIRO
As cousas non lle deben pintar ben á cúpula do PP, despois de prometer o ouro e o mouro, dando por rematada nun lostrego a crise, cando xa destaca no discurso a necesidade de que todos arrimen o ombreiro e traballar máis. Semella que con esta mensaxe o partido de Rajoy e Feijóo pretende neutralizar a contestación á novas medidas moi duras sobre as costas das clases populares, gañando tempo.
Esquecen que eles non deron tregua cando estaban na oposición e que os partidos deben ser coherentes e teimosos co seu proxecto. Traballar máis, con menos prestacións e servizos, e gañar menos, é máis do mesmo. Trátase un argumento fácil, que teoricamente parece lóxico, mais que non ten en consideración que na práctica a maioría dos asalariados traballa dez e once horas ao día, cobrando menos do que lles corresponde. Só facendo que se cumpra a lei baixaría o desemprego á metade. Está disposto a facelo o PP?
Outro tanto sucede ca fraude fiscal. Estamos nun momento de tensións e decisión sistémicas no que máis que fe e boas palabras o que compre son decisións estratéxicas para recuperar control sobre a economía e capacidade para competir. Débese centrar o debate en temas como: seguir ou non no euro ou devaluar seu valor; control e taxa ás transaccións nas Bolsas; que o Banco Central Europeo se comporte como os bancos nacionais tradicionais; frear a directiva de servizos etc. Arrimar o ombreiro debe ser unha esixencia exemplar aos que se están lucrando coa crise: as grandes fortunas e directivos con ingresos inmensos.
