Viaxe a outras latitudes
Nunhas poucas semanas haberá vinte e seis anos que pisei terras da América do Sur. Atravesara dúas veces o Atlántico, mais os destinos foran terras no norte, terras do imperio. E a experiencia, abofé, non foi, para nada, nin remotamente parecida. Era o verán -inverno alí- de 1989 cando pousei os pés na América Latina: primeiro no Brasil -escala dun par de horas en Río de Janeiro- e logo no Uruguai, aeroporto de Carrasco. Ía, por catro meses, impartir un curso na “Facultad de Letras y Ciencias de la República Oriental del Uruguay”, que así de longo era o nome do que ía ser o meu centro de traballo, e non coñecía absolutamente ninguén. Nin tan sequera levaba aloxamento. Tampouco tiña noticia de se me agardaría alguén no aeroporto ou de si tería que me gañar a vida pola miña conta. Pouco me preocupaba, pois ó longo de toda a miña vida -a anterior e a posterior a esa viaxe- a improvisación ocupou, e segue ocupando, un lugar moi relevante. Para a miña comodidade, agardábame un coche oficial que me conduciu a un cómodo e céntrico hotel e o chofer entregoume un sobre con instrucións académicas e algunha cousa máis. A historia non empezaba mal e acabaría mellor, mais iso non é o que hoxe me recorda ese pasado. Nos últimos meses, xa máis dun ano, día si, día tamén, escoitamos falar da necesaria desaparición do bipartidismo da política española, como paso inicial para podermos construír unha outra sociedade, máis equitativa e xusta, máis humana, onde os homes e mulleres todas que a conformamos poidamos ser máis felices, máis libres, máis nós mesmos, en tódolos sentidos imaxinables. Construír un mundo cunha relacións sociais ben diferentes e afastadas das, xa na senda do escravismo, que padecemos a inmensa maioría. Uns -non sabemos ata cando-, desde situacións, mal que ben, levadeiras, mais outros en condicións xa totalmente insoportables. E a forza, xa o di o vello refraneiro, está na unión. A República Oriental del Uruguay, o Uruguai, abreviando, practicamente desde que existe como tal república, estivo gobernada polos partidos Nacional (ou Blanco) e Colorado. Eu, como quen di, nin flores de todo iso. Mais, cando alí aterrei xa estaban en marcha as eleccións. Nesa altura, a Facultade ocupaba un edificio na moi céntrica rúa de Tristán Narvaja e ó pé xusto tiña a súa sede o MPP (Movimiento de Participación Popular, os tupamaros, ó que pertence o ata hai uns meses presidente Pepe Mujica). Alí teño conversado moito e mercado materiais diversos que me foron aclarando o panorama. Mais tamén tiven fondas relacións con xentes da Vertiente Artiguista (do exalcalde de Montevideo Mariano Arana, que andou visitando Ferrol), do Partido Socialista (do actual presidente Tabaré Vázquez) ou do Partido Comunista. Por se non o tiña xa claro, reafirmeime na necesidade de construír desde a unidade, malia as diferenzas, que alí eran moitas e profundas. Tabaré Vázquez convertíase no primeiro intendente de Montevideo do Frente Amplio, no primeiro alcalde no Uruguai enteiro que non era nin branco nin colorado. Quebrábase o bipartidismo. E de aí a hoxe. O Frente Amplio supera xa os corenta anos de existencia e de, non sempre doada, convivencia de forzas políticas moi diversas (marxistas e non marxistas, esquerdas cristiáns, socialistas de diferente signo, socialdemócratas, comunistas...) aglutinadas fronte ó neoliberalismo e ó imperialismo. É algo ó que necesariamente habería que chegar aquí. Iso si, sen mesías nin iluminados de ningunha caste, sen divos (para iso está o mundo do espectáculo), sen imprescindibles, sen xentes que se queiran erixir en reis do mambo apoiados no que for... Alguén me podería dicir quen é, quen foi, quen está chamado a ser o referente do Frente Amplio uruguaio? Por máis que o teño buscado non o atopo por ningures. Será que non fixo nin fai falta? Pois entre nós cumpre outro tanto. Nin sobra ninguén, nin ninguén é imprescindible.
