DEMOCRACIA ILUSORIA
Despois do 20-N o panorama político trocou, o PSOE recibiu un castigo brutal e o PP fíxose co poder, literalmente co “poder absoluto”. Agora só queda felicitar aos gañadores: aos que o fixeron por dereito propio, xa que sen comprometerse con nada acadaron a maioría absoluta. Congratularse por saber daqueles que lles caeu a careta que desde unha suposta esquerda facilitaron a chegada da dereita.
Teremos un Parlamento menos bipartidista, isto aos verdadeiros demócratas débenos alegrar con toda a carga que ten este sistema inxusto da Lei Electoral. Medicina que remata de saboreala o PSOE que nada fixo para trocala. ¿Pódese chegar a dubidar da lexitimidade dunhas eleccións baseadas nunha lei inxusta? Aínda así teremos grupos parlamentarios máis sólidos, polo que non vai a serlles tan doado acalar, nin ridiculizar como facían os do bipartidismo con IU.
Esta formación acadou o seu maior resultado en 15 anos despois. Toda unha fazaña, podendo ostentar co tempo o liderazgo da esquerda. No en tanto, coa que está caendo desta grande “estafa” europea a democracia deixou de ser unha realidade. Os cidadáns continuamos votando, pero o noso voto é baleiro de contido real, votamos por políticos que non teñen poder real, por iso decidiuse manter unha democracia ilusoria, desprazando o poder aos “mercados” e ao grande capitalismo financeiro. Ante isto, fai falla esa esquerda hexemónica que defenda aos cidadáns desta crise “estafa” dos mercados.
